A barra libre do SMI, por Venancio Salcines
OPINIÓN
A barra libre do SMI, por Venancio Salcines
O marco laboral español debería negociarse e, polo tanto, definirse, nos diferentes convenios laborais. As diferenzas sectoriais e territoriais así o aconsellan. Pero unha cuestión son as necesidades da economía española e outra as dos políticos que deseñan as nosas políticas. A ministra Yolanda Díaz necesita reforzar o seu liderado interno en Sumar e para iso debe reforzar a súa marca electoral. A súa primeira aposta foi mostrarse como persoa de consenso, pero daquela quería ampliar o seu espazo. Agora con non perder o que ten é suficiente, por iso lle chega e sobra co universo sindicalista. A patronal non lle achega votos e, polo tanto, non os necesita, pero España, si.
O debate, dentro do goberno, está en se subir un 3,4 % ou un 4,4 %, os sindicatos entre un 5 % e un 6 %, ou se queda no 60 % do salario neto ou do bruto. O que ninguén fala é que España non é homoxénea, e non é o mesmo un custo laboral de 1.900 € para unha tecnolóxica de Pozuelo de Alarcón, o concello máis rico de España, que esa mesma cantidade nunha granxa de San Xoán do Río. Que nun sitio quizás non acade o 60 %, pero noutro pode ir por enriba do 70 % e achegarse ao 80 %. E un mínimo que se aproxima a un 70 % do salario medio xera unha presión salarial á alza que non todo o mundo pode soportar. Aquí é necesario lembrar que o 95 % das compañías teñen menos de dez empregados, sería boa cousa que os sindicatos saísen de Serrano e deran unha volta polo tecido máis feble do noso país.