Publicador de contidos
Publicador de contidos

A carreira electoral apértase en tres cidades galegas a cen días dos comicios locais

A carreira electoral apértase en tres cidades galegas a cen días dos comicios locais

Segundo a enquisa de Sondaxe, seis das sete urbes manterían as alcaldías

A mostraxe só lle dá maioría absoluta a Abel Caballero e a José Manuel Rey

G24.gal 12/02/2023 09:55 Última actualización 12/02/2023 11:31

Seis das sete cidades galegas poderían manter os seus alcaldes e alcaldesas actuais tras as eleccións municipais de maio excepto Ferrol, a única na que se produciría un cambio de maiorías, segundo a enquisa de Sondaxe que publica este domingo La Voz de Galicia.

O PSdeG mantería A Coruña, Vigo, Santiago de Compostela e Lugo, aínda que nesta última o escenario está máis axustado.

O BNG retería Pontevedra, Democracia Ourensá vería outra vez un resultado similar ao que lle permitiu chegar á alcaldía de Ourense e o PPdeG podería obter a súa única cidade tras alcanzar a maioría absoluta en Ferrol.

Son os resultados dunha enquisa feita por Sondaxe con 400 entrevistas en cada unha das cidades entre os pasados 1 e 9 de febreiro.

Maioría absoluta en Vigo

En detalle, a enquisa prevé que, de celebrárense agora as eleccións municipais de maio, en Vigo o PSdeG de Abel Caballero obtería 19 concelleiros, polo que tería unha ampla maioría absoluta, con cinco edís de marxe.

Na Coruña, Inés Rey (PSdeG) podería repetir como alcaldesa como forza máis votada, ao superar ao PPdeG pero empatar con dez edís, a catro da maioría absoluta, pero sen necesidade dun pacto de investidura como en 2019.

En Ourense, o exalcalde Manuel Cabezas (PPdeG) daría ao seu grupo dous concelleiros máis que fai catro anos, ata nove, e sería a forza máis votada, empatada co PSdeG doutro exalcalde, Paco Rodríguez.

Con todo, Democracia Ourensá tería a chave do goberno unha vez máis, con seis edís, pois a maioría absoluta son catorce, o que fai catro anos supuxo que o PPdeG lle dera a Alcaldía a Gonzalo Pérez Jácome, que podería repetir.

En Santiago de Compostela, o PPdeG de Borja Verea pasaría a ser a forza máis votada con dez concelleiros, os que tivo o PSdeG de Xosé Sánchez Bugallo fai catro anos, que quedaría cos oito do seu competidor.

Porén, con catro concelleiros do BNG e tres de Compostela Aberta, podería articular un pacto de investidura para continuar como alcalde.

En Pontevedra, unha vez máis, a forza máis votada sería o BNG de Miguel Anxo Fernández Lores, con once edís, a dous da maioría absoluta. Así e todo, ten o goberno garantido salvo un improbable pacto de PPdeG (dez) e PSdeG (catro).

En Lugo desaparecería Ciudadanos, con dous edís que absorbería o PPdeG de Elena Candia (doce), que quedaría a un da maioría absoluta, polo que podería continuar o PSdeG de Lara Méndez (oito) de se apoiar na investidura do BNG (cinco).

Maioría absoluta en Ferrol

O único cambio que mostra a enquisa é en Ferrol, a menos poboada das sete cidades galegas, onde o PPdeG de José Manuel Rey subiría de doce a trece edís, xusto a maioría absoluta.

Faino a conta do edil que cede o PSdeG de Ángel Mato, que pasa de oito a sete, mentres que BNG e Ferrol en Común manteñen tres e dous respectivamente, polo que os resultados estarían axustados.

Entre os actuais alcaldes, segundo a enquisa o máis valorado é Abel Caballero, cun 7,37, seguido por Miguel Anxo Fernández Lores, cun 5,51, Inés Rey, cun 5,46, e Lara Méndez, cun 5,34. Non alcanzan o cinco Xosé Sánchez Bugallo, cun 4,59, Ángel Mato, cun 4,45, e Gonzalo Pérez Jácome, cun 3,9.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar