Publicador de contidos
Publicador de contidos

A borrasca Irene deixará ventos fortes en toda Galicia e choivas intensas en zonas da Coruña e do sur de Ourense

A borrasca Irene deixará ventos fortes en toda Galicia e choivas intensas en zonas da Coruña e do sur de Ourense

Meteogalicia activou aviso laranxa por ventos no litoral coruñés e nas Rías Baixas a partir desta tarde

No oeste e suroeste da Coruña e no sur de Ourense espéranse acumulacións de chuvia de 40 litros en 12 horas

Na Costa da Morte e nas Rías Baixas prevense ondas de 4 a 5 metros

G24.gal 16/01/2024 08:47

O achegamento da borrasca Irene deixará ventos fortes en Galicia, tanto en terra como en mar, e choivas intensas en zonas da Coruña e no sur de Ourense durante o serán deste martes.

Así, Meteogalicia activou un aviso laranxa por vento do sur forza oito no litoral da Coruña —Noroeste e Costa da Morte— e nas Rías Baixas, entre as 18:00 horas deste martes e as 00:00 horas do mércores.

Ademais, mantén activo o aviso amarelo en toda Galicia desde as 15:00 horas por ventos de sur-suroeste con refachos de máis de 70-80 quilómetros por hora.

En canto ás choivas, o aviso amarelo esténdese ao oeste e suroeste da Coruña e ao sur de Ourense, por acumulacións de 40 litros en 12 horas. No caso da provincia da Coruña o aviso está activo entre as 15:00 horas e as 00:00 horas, mentres que en Ourense será entre as 21:00 horas e as 09:00 horas.

Sobre o aviso amarelo por ondas na Costa da Morte e nas Rías Baixas, Meteogalicia prevé ondas de catro a cinco metros durante a noite e ata as 09:00 horas do mércores.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade