A calidade de Bélxica somete a Romanía
A calidade de Bélxica somete a Romanía
Os belgas conseguen a súa primeira vitoria para empatar o grupo a tres puntos (2-0)
Bélxica saíu con máis forza a por Romanía sabedora de que estaban en xogo a meirande parte das súas opcións de seguir con vida na competición. Unha derrota suporía complicar a permanencia dos belgas na Eurocopa moito. Con este contexto o gol non se fixo pregar e nun achegamento polo lado esquerdo de Doku, Lukaku deixaba un balón de fronte para Tielemans que golpeaba raso onde non chegou o meta romanés. A partir do tanto Bélxica seguiu apertando pero sen a precisión para o gol, cunha gran produción de fútbol nos pés de Doku e De Bruyne, mais que ao chegar á zona de finalización ningún xogador conectaba os ingredientes necesarios.
Quedando con vida, Romanía foi atopando ocos nunha febril defensa belga que por pouco non encaixa o empate á saída dos vestiarios nunha transición rápida que corrixiu Onana cunha gran potencia física. Minutos máis tarde Lukaku apareceu ás costas da defensa romanesa e definiu polo baixo para poñer o segundo, pero non subiría ao marcador posto que o VAR determinaría posición antirregulamentaria por fóra de xogo do dianteiro. A segunda metade avanzou cun querer e non poder do combinado romanés que usaba todas as súas ferramentas ofensivas para xerar perigo, pero moi lastrado por imprecisións técnicas á hora de elaborar. Bélxica parecía conforme co resultado ou como mínimo non buscaba o segundo co mesmo ímpeto co que saíra ao comezo do partido, e os minutos pasaron cos centroeuropeos resgardados no seu campo agardando saír ao espazo. No minuto 79 apareceu o sempre indetectable Kevin De Bruyne que, nun saque do propio gardarredes belga, rabuñaba o balón tras unha mala saída da defensa romanesa, e poñía o segundo a falta de dez minutos, sentenciando o partido.
Con este resultado o Grupo E queda empatado a tres puntos entre todos os equipos, que decidirán as súas opcións na última xornada.