Publicador de contidos
Publicador de contidos

A cámara alta alemá aproba a legalización parcial do cánnabis

A cámara alta alemá aproba a legalización parcial do cánnabis

A lei permite a posesión de ata 25 gramos en espazos públicos e ata 50 gramos no domicilio privado, e o cultivo de ata tres plantas para o consumo persoal

O ministro de Sanidade confía en que a legalización sexa "o comezo da fin do mercado negro"

G24.gal 22/03/2024 13:18

O Bundesrat, cámara alta do parlamento alemán, aprobou este venres unha legalización parcial do cánnabis que permite a posesión de cantidades limitadas e o cultivo para o propio consumo nos domicilios privados.

A lei permite a posesión de ata 25 gramos en espazos públicos e ata 50 gramos no domicilio privado, e o cultivo de ata tres plantas para o consumo persoal

A lei, que fora aprobada previamente polo Bundestag (cámara baixa), permite a posesión de ata 25 gramos en espazos públicos e ata 50 gramos no domicilio privado, así como o cultivo de ata tres plantas para o consumo persoal.

Tras a aprobación por parte do Bundesrat, a lei poderá entrar en vigor o 1 de abril despois de que sexa ratificada polo presidente Frank Walter Steinmeier.

Para os menores de idade a posesión e o consumo de cánnabis seguirá estando prohibido e tamén estará prohibido o consumo nos arredores de colexios e garderías así como nas zonas peonís antes das 20:00 horas.

A venda e compra de cánnabis seguirá estando prohibida, pero os consumidores que non queiran ter plantas na súa propia residencia poderán organizarse en asociacións de cultivo sen ánimo de lucro de ata 500 membros.

Os menores de idade non poderán ser membros desas asociacións e os maiores de idade só poderán ser membros dunha asociación e deben participar activamente no cultivo. A pertenza a unha asociación soamente como consumidor non está contemplada.

O ministro de Sanidade confía en que a legalización sexa "o comezo da fin do mercado negro"

A lei foi unha iniciativa do ministro de Sanidade, Karl Lauterbach, que celebrou a aprobación por parte do Bundesrat e expresou a través da súa conta de X a súa esperanza de que a legalización sexa "o comezo da fin do mercado negro".

A loita contra o mercado negro a través da legalización fora un dos argumentos centrais de Lauterbach nos debates previos á aprobación da lei.

Segundo Lauterbach, alí onde houbo unha legalización intelixente, como en varios estados dos EUA, o mercado negro foi golpeado.

Lauterbach considera que coa legalización se abren posibilidades de protexer as futuras xeracións da criminalidade, do mercado negro e, a través da educación, tamén do consumo.

O propio Lauterbach admitiu que durante moito tempo el fora inimigo da legalización, pero que novos datos o levaron a cambiar de opinión.

A aprobación por parte do Bundesrat estivo en dúbida ata o último momento debido a que varios estados federados -en que hai Gobernos presididos pola conservadora Unión Cristianodemócrata (CDU) e Baviera, onde goberna a Unión Socialcristiana (CSU)- manifestaran a súa oposición á norma.

Os primeiros ministros de Saxonia e Saxonia-Anhalt, ambos os dous estados do leste de Alemaña, Reiner Haseloff e Michael Kretschmer, estiveron entre os principais opositores do proxecto.

Kretschmer advertira que o cánnabis podería ser a porta de entrada que levase a moitos consumidores a drogas máis fortes. Haseloff dixo que a nova lei pode mesmo levar a que haxa máis mortos, tanto polo consumo en se como por accidentes de tránsito relacionados con este.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade