A candidata socialista de Navarra, María Chivite, pecha a porta a un acordo con EH-Bildu
A candidata socialista de Navarra, María Chivite, pecha a porta a un acordo con EH-Bildu
Comezan as conversas para reeditar o tripartito con Geroa Bai e Adiante Navarra
María Chivite intentará revalidar o Goberno de Navarra. A coalición perdeu dous parlamentarios, polo que necesitará a abstención de Bildu. A candidata socialista pecha a porta a un acordo.
"Non pretendo conformar un goberno con EH-Bildu e polo tanto as conversas van ser cos socios cos que pretendemos conformalo", afirmou Chivite.
Bildu marca como moeda de cambio a alcaldía de Pamplona. "Non imos renunciar. Non lle podes dicir á xente que levamos catro anos con acordos e agora que non che gusta EH-Bildu. Non é crible", mantén Arnaldo Otegi.
Desde o Partido Socialista réstanlle importancia aos pactos alcanzados con Bildu. "Foron acordos puntuais en presupostos ou asuntos fiscais. Falaremos cos nosos socios habituais", di Isabel Rodríguez, ministra portavoz do Goberno.
Estas conversas xa comezaron. Desde Geroa Bai poñen como condición a presidencia do Parlamento. "Como socios preferentes correspóndenos a segunda institución como expresión política dese acordo", afirma Uxue Barkos.
En Euskadi, tamén está no aire a Deputación de Guipúscoa, onde o Partido Popular ofreceu os seus votos para evitar un goberno de Bildu. "Co seu voto activo poden conformar unha determinada Deputación e coa súa abstención outra diferente", asegura Joseba Egibar, do PNV.
Nas Canarias tamén comezaron xa as negociacións para conformar o Goberno da comunidade. A lista máis votada foi a do Partido Socialista, pero o apoio do Partido Popular podería darlle o goberno a Fernando Clavijo de Coalición Canaria.