Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Casa Real distribúe imaxes da princesa Leonor nas manobras e portando un fusil

A Casa Real distribúe imaxes da princesa Leonor nas manobras e portando un fusil

Nas instantáneas vese a princesa de Asturias en distintas fases dos exercicios de adestramento desenvoltas durante varios días no campo de San Gregorio da Academia militar de Zaragoza

G24.gal 20/09/2023 12:47 Última actualización 20/09/2023 12:55

A Casa do Rei distribuíu este mércores imaxes da princesa Leonor durante o seu período de instrución na Academia Xeral Militar de Zaragoza, en que participou nas súas primeiras manobras con uniforme de camuflaxe, con casco e a cara pintada e portando o fusil de asalto.

Nas fotografías, vese á princesa de Asturias en distintas fases dos exercicios de adestramento desenvoltas durante varios días no campo de San Gregorio da academia, onde a filla maior dos reis ingresou o pasado 17 de agosto.

Á princesa véselle co fusil tanto en grupo xunto con outros cadetes, nunha delas co rostro pintado, como en solitario.

O álbum, composto por preto dunha vintena de fotos, inclúe a participación da herdeira ao trono en exercicios de tiro, en marchas de grupo e cruzando a nado unha piscina co uniforme.

Tamén marchando a paso lixeiro e arrastrándose no chan para atravesar un aramado de espino cargando coa arma.

Noutra fotografía, aparece interpretando un mapa e tomando notas nun caderno cun rotulador durante un percorrido topográfico.

A maioría das imaxes son de actividades diúrnas, aínda que nunha véselle nun atardecer e noutra, a través dun visor nocturno.

Segundo a Casa do Rei, a princesa completou coas manobras e os outros exercicios o período de formación militar básica do combatente, "en que se dá formación moral e militar e impártense coñecementos sobre armamento e equipo".

É a terceira entrega de fotos de Leonor de Borbón co uniforme militar despois das que se distribuíron ao día seguinte do seu ingreso na academia en que lucía a galleta cos seus apelidos: Borbón Ortiz.

A Casa Real tamén distribuíu onte fotos da entrega de sabres que simboliza que, ao concluír a súa formación castrense de tres anos, converterase en oficial do Exército.

A princesa de Asturias xurará bandeira o próximo 7 de outubro, data a partir da cal proseguirá o seu adestramento militar cos cadetes de segundo curso.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade