A centola e as ameixas reinan no Nadal
A centola e as ameixas reinan no Nadal
A nécora e o camarón foron os produtos que máis aumentaron o prezo
A praza de abastos de Santiago de Compostela acollía esta mañá os últimos compradores poucas horas antes da cea de Noiteboa, e dous eran os produtos máis demandados.
"A centola da ría e a ameixa babosa estase vendendo moi ben. A centola da ría, que se vendía a 24 euros hai un par de semanas, nós estámola vendendo a trinta e dous euros", conta Miguel Galbán, de peixes e mariscos Carmen.
"Unha barbaridade, non lembro un Nadal con estas tenaces tan grandes", asegura Esperanza Viturro, de Mariscos Tubío, sobre o tamaño dos centolos.
Os produtos que experimentaron máis suba foron a nécora da ría, que pasou dos trinta euros aos sesenta e cinco euros nalgúns casos, e o camarón que duplicou o prezo, chegando aos cento corenta euros. As cigalas, tamén subiron ata os oitenta euros, a grande.
O aclamado percebe, que chegou a cotizarse por riba dos douscentos euros nalgunhas lonxas, o pouco que había ofrecíase a menos de cen euros dependendo do tamaño. Nos peixes, un pouco de todo.
"O peixe sapo aguantou ben o prezo, a vinte e tres estivo, e robaliza subiu, estivo a corenta euros, e a palometa encarnada está a sesenta e dous euros", relata dende Mariscos Carlos, María José Caamaño.
Os compradores notaron este ano unha suba dos prezos con respecto ao ano pasado, aínda que o espírito do Nadal pode con case todo. Mais non todo é marisco e peixe esta noite, e a carne segue a ter moita demanda en Galicia.
"O que máis están levando é o polo. O capón tivo moita venda, e despois o año de leite, o pequeno, estase a vender moi ben", conta Laura del Río, de Cortadoría de Rosa e Moncho.
Este ano, sen as restricións da pandemia, o Nadal volve pouco a pouco a ser o que era, sexa con marisco ou cunha boa carne.