A central térmica das Pontes retoma a actividade de xeito excepcional
Dará traballo a unhas 70 persoas de xeito directo e a medio cento de transportistas
Ante a previsión da chegada do frío e un aumento do consumo enerxético, a planta retoma a súa actividade nun contexto de suba de prezos da electricidade. Como o funcionamento se planifica semanalmente, a planta estará operativa, como mínimo, ata o venres.
A central está en proceso de peche dende finais de 2019. Agora, a compañía agarda pola confirmación definitiva da Administración. Mentres, ten que estar dispoñible ante unha posible repunta do consumo por inclemencias meteorolóxicas e nun contexto de suba do prezo da luz.
A planta foise preparando nas últimas semanas para retomar a actividade. A finais de outubro chegaba un cargueiro con 20.000 toneladas de carbón a Ferrol e a semana pasada outro con 80.000 toneladas. Ademais, a central xa tiña almacenadas 40.000 toneladas a maiores.
En total, Endesa mantén almacenadas nas súas instalacións unhas 140.000 toneladas para a queima en próximas xornadas.
Emprego temporal
O traslado á central térmica das Pontes das cen mil toneladas de carbón almacenadas no peirao ferrolán comezou o martes. O reinicio da actividade na planta traducirase nun mes e medio de traballo para medio cento de transportistas.
A compañía retoma a actividade con carácter excepcional durante un período aínda sen concretar que permitirá traballar a arredor de 70 empregados directos. Para as empresas auxiliares, supón un alivio a curto prazo.
A térmica das Pontes iniciou o proceso de peche a finais de 2019 e leva inactiva desde xullo.
Alegría dos traballadores ante a reactivación da central
Meses despois reactívase a central térmica das Pontes. É unha medida excepcional que a eléctrica toma nun contexto de suba constante dos prezos da electricidade.
Marcos Prieto, membro do comité de empresa, destacou que levan defendendo a arbitrariedade da transición enerxética que se está a levar a cabo en España. Entenden que ata que non estea activada a tecnoloxía estable que lles permita subsistir ao carbón non se debería pechar a totalidade das centrais.
Prieto destacou que a central estaba adaptada para a normativa europea de emisións, e o que os deixaba fóra era o prezo do CO₂, que segue moi alto.
Polo de agora non saben canto tempo estará activa a central e están a disposición do mercado e dependerá da evolución do prezo da electricidade. Ademais, destacou que os traballadores están moi animados antes a reactivación da central térmica.
Prieto destacou que reclaman que se poñan en marcha os investimentos e que se comece a construír a planta de coincineración e mais a estación de bombeo e que as administracións axilicen os permisos.
O compromiso de descarbonización segue vixente
Ignacio Sainz, director da central térmica das Pontes, afirmou que polo de agora non se sabe canto tempo permanecerá aberta a planta e que isto se debe a unha condición excepcional do mercado. Destacou que o combustible que teñen daría para que permanecese aberta un mes.
O director da central térmica destacou que o obxectivo de Endesa de descarbonización segue vixente, que continúan nun proceso de peche da planta das Pontes e destacou que non foi competitiva nos últimos anos.
Sainz tamén confirmou que a "explotación directa do centro" ante a continuación da súa actividade corre a cargo duns 70 traballadores do seu cadro de persoal principal e outros tantos de firmas auxiliares.
O director da central manifestou que polo de agora van operar en condicións de seguridade e cre que a transición enerxética é unha oportunidade para o futuro.
A comarca precisa un plan de reindustrialización a longo prazo
A reactivación da central térmica das Pontes foi ben recibida no Concello pero son conscientes de que é unha circunstancia puntual e que o procedemento en ningún caso se paraliza.
A concelleira de Industria das Pontes, Ana Pena, afirmou que esta paréntese é "un agasallo de Nadal" para os traballadores que retornaron a central, para os transportistas que levan o carbón e para os traballadores das empresas auxiliares.
Pena reclama a Endesa unha oposta de futuro polo territorio e por proxectos alternativos á central térmica. Destacou que hai plans presentados aos fondos europeos como unha planta de hidróxeno E que Endesa xa presentou ás distintas administracións.
A concelleira destacou que son optimistas e que teñen a mira posta neses proxectos. Cre que Endesa e as administracións deben colaborar para implicarse coas Pontes.