A China rexistra 250 millóns de contaxios polo coronavirus en 20 días
A China rexistra 250 millóns de contaxios polo coronavirus en 20 días
Os positivos supoñen o 18 % da poboación
As estatísticas oficiais só falan de 62.000 infectados en todo o país
As autoridades chinesas recomendan en grandes cidades coma Shanghai non saír da casa para evitar contaxios coa covid.
Aínda que na China non celebran habitualmente as festas do Nadal, os máis novos aproveitan os días libres para saír pola noite a lugares pechados, onde contaxiarse é máis doado.
A progresiva eliminación das duras medidas de covid cero posibilitou o aumento dos casos, ata o punto de que no que vai de mes o Goberno chinés admite que máis de 248 millóns de persoas se contaxiaron co virus. Sería o 18 por cento da súa poboación.
As actas dunha reunión deste mércores da Comisión Nacional de Saúde da China, que circularon polas redes sociais, confirman que só o martes había 37 millóns de persoas probablemente contaxiadas.
O diario británico 'The Financial Times' e a axencia Bloomberg confirmaron a información por medio de fontes presentes naquel encontro.
As estatísticas oficiais só falan de 62.000 infeccións en todo o país nas tres semanas de decembro, de acordo co diario británico, pero as estimacións elaboradas polo subdirector do Centro Chinés de Control e Prevención de Enfermidades, Sun Yang, mostran como os contaxios van en aumento.
Máis da metade dos 81 millóns de habitantes da provincia de Sichuan (suroeste) e a mesma proporción dos 21 millóns de habitantes de Pequín contraeron a enfermidade, explica Sun.
As estimacións coñécense cando se cumpren case tres anos de peches, corentenas e probas masivas na China. O Goberno mostrouse en ocasións inflexible nas súas políticas de prevención.
A Organización Mundial da Saúde mostrouse moi preocupada pola situación na China.