Publicador de contidos
Publicador de contidos

A choiva non pode coa determinación dos peregrinos

A choiva non pode coa determinación dos peregrinos

Dous mil camiñantes selaron onte a compostela na oficina do peregrino

O récord de peregrinos superouse hai dúas semanas e espérase chegar ata o medio millón de persoas

Hai xa máis romeiros procedentes do estranxeiro que nacionais

G24.gal 20/10/2024 14:49

Mentres os restos da tormenta Ashley seguen enviando auga e vento ás provincias galegas, os peregrinos continúan alleos ás adversas condicións meteorolóxicas. A determinación é tal que nin o frío nin a humidade conseguen que se rendan na súa teima de chegar á praza do Obradoiro e obter a ansiada Compostela.

"É unha choiva que se aguanta ben; é case peor o vento", comenta Santiago Guerra, un peregrino que saíu de Cornellá, Barcelona, o pasado trinta de outubro.

"Toda a choiva que collín é unha choiva feble ou aceptable. Fantástico, a min encántame a choiva", conta Carlos Carranco, un peregrino de Xirona que está a facer a ruta xacobea pola Vía da Prata dende Sevilla.

Que os peregrinos son doutra pasta é cousa probada. Onte chegaron a Santiago 1.926 camiñantes. Hai unha semana superábase a marca establecido o ano pasado, de 446.000 persoas e xa se pensa en chegar ata o medio millón este ano.

"É o primeiro camiño que fago e xa estou pensando no do ano que vén", confesa Amalia Escobar, que provén de Guadalaxara.

Este pulo de peregrinos dáse especialmente pola chegada de visitantes estranxeiros, que xa superan os nacionais nas estatísticas agás en temporadas vacacionais.

"Os meses fóra de verán atopas moitísimos estranxeiros, setenta ou oitenta por cento. E no verán moito máis. O que pasa é que eu no verán non o fago", conta Elena Jiménez, unha madrileña veciña de Asturias.

Norteamericanos, italianos e alemáns presiden as cifras, pero os nacionais protagonizan as experiencias.

En todo caso, sexa con choiva ou con sol, dende o estranxeiro ou dende a terra, o camiño segue a ser unha vivencia única.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade