Vilar de Barrio celebra a Festa da Pataca coa maioría da colleita baixo terra
Vilar de Barrio celebra a Festa da Pataca coa maioría da colleita baixo terra
A chuvia impide polo de agora recoller o 80 % da produción, que agarda unha mellora do tempo antes de que chegue a podremia
O evento suma xa 45 edicións de exaltación dun produto básico para a gastronomía e a economía da comarca da Limia
Con tres cuartas partes da colleita aínda nos eidos polo mal tempo, o concello de Vilar de Barrio celebra esta fin de semana unha nova edición da Festa da Pataca.
Case medio século ten de vida esta celebración na que se exalta un produto básico para a economía e a gastronomía de toda a comarca da Limia.
Este ano arredor do 80 % está aínda sen recoller por mor das chuvias. Así que moitos están cun ollo posto na festa e outro no ceo, agardando que mellore o tempo para seguir coa colleita e para seguir desfrutando do tubérculo.
Abriu a festa unha procesión de carros de madeira tirados por unha parella de bois e veciños ataviados cos traxes tradicionais. É unha pequena mostra de como eran as cousas no pasado, para poñer en valor o traballo das labregas e labregos entregados ao cultivo tradicional da pataca.
Levan 45 anos celebrando un produto que supón o sustento alimentario e económico de toda unha comarca.
"Comezou da man da veciñanza, xente do pobo que se xuntaba para xantar e celebrar a colleita. E agora xa imos por 45 anos celebrando a Festa da Pataca", comenta Lucía Fernández, tenenta de alcalde de Vilar de Barrio.
Nunha feira de exaltación dun alimento ineludible na dieta galega non pode faltar a degustación dos seus múltiples usos, incluso en empanada, especialidade típica da zona.
Non falta tampouco a carne dos gandeiros da zona, un becerro da serra de 180 quilos precisa cinco horas no espeto para estar ao punto.
Pendentes do tempo
O ano pasado colléronse uns cen millóns de quilos en toda a Limia. Preocupa a evolución meteorolóxica porque as perdas poden ser cuantiosas.
"Se se tarda unhas semanas máis en sacala da terra pode sobrevir a podremia. Ademais as patacas terán problemas de conservación nos almacéns se entran con humidade", sinala Luis Sáa, director técnico da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia.
As que xa saíron da terra compiten por ser a que naceu coa figura máis estraña. Hai concurso tamén das cestas de froitos do outono elaboradas polos veciños do lugar.