A chuvia complica e atrasa a campaña de ensilado de millo
A chuvia complica e atrasa a campaña de ensilado de millo
O 60 % do cultivo está aínda sen recoller nas principais comarcas gandeiras
Cómpre que veñan varios días secos para que a maquinaria poida entrar nas leiras
A chuvia obrigou a sementar tarde o millo e a chuvia está a atrasar tamén a sua recollida. Algúns gandeiros aproveitaron para ensilar a finais de setembro, pero a maioría do millo está sen apañar en terreos enchoupados nos que non dan entrado nin tractores nin picadoras.
"A maquinaria é moi pesada, xa levamos tres semanas de chuvia e as leiras están moi molladas. Precisamos que veñan varios días secos seguidos para que seque o terreo un pouco, do contrario é moi complicado traballar e ademáis metes moita terra no silo e iso non é o ideal", explica José Manuel Vidal, enxeñeiro agrónomo da Cooperativa Xallas.
Por grao de maduración, o cultivo aínda pode aguantar algo máis no campo, polo menos na zona de Santa Comba. Pero teñen medo a que o vento o tombe e a chuvia non dea suficiente tregua. Así que é posible que acaben ensilando antes de que as cousas se poñan peor.
"Empeza a ser preocupante. De feito, seguramente se sacará millo antes de que chegue o seu punto óptimo. Iso pode repercutir na calidade do ensilado porque metes menos cantidade de amidón, e iso ao final son perdas na carteira do gandeiro", engade o enxeñeiro.
Malia que aínda gardan a esperanza de que escampe, prevén que a campaña deste ano vai ser peor do habitual. Sobre todo se a comparamos coa do pasado ano, que foi extraordinariamente boa e lles permitiu ter reservas de alimento nas granxas.