Publicador de contidos
Publicador de contidos

A chuvia estraga a colleita da colza e o cereal de inverno

A chuvia estraga a colleita da colza e o cereal de inverno

A Limia leva meses anegada e a maquinaria non pode entrar nas leiras

A sementeira da pataca tamén irá con atraso

G24.gal 05/04/2024 14:18

Os vistosos campos de colza da Limia, que resplandecen baixo o sol, semellan fortes e saudables, pero abonda con achegarse ás leiras para ver que a colleita non vai ben. Empezan a aparecer calvas, grandes extensións sen apenas plantas, e as que saíron adiante non prometen moito froito.

"Tiña que ter moitas máis flores producindo e, como podedes ver, non deixa de ser unha variña na que as flores non van ser capaces de producir", di Servando Álvarez, técnico do INORDE.

Hai excepcións, nunha leira de Bustelo, en Xunqueira de Ambía, a orografía facilitou a drenaxe da auga. "Porque é unha finca máis elevada, con pendente, e non houbo encharcamento", explica Víctor Cabido González, agricultor.

De 1.500 hectáreas que chegaron a plantar hai dous anos pasamos agora a medio cento e cun rendemento que non alcanza nin para gastos.

"Hai dous anos, cando se botaron 1.500 hectáreas, houbo unha produción de 4.500 quilos por hectárea, uns seis millóns de quilos en total, e este ano vai ser anecdótica", explica Servando Álvarez.

A colza é un cultivo de rotación, alternativo, pero o alcance do problema vai moito máis alá. A Limia leva meses anegada. A colleita do cereal de inverno está, din, arruinada e tampouco hai esperanza co de primavera, que tiña que levar máis dun mes sementado.

"A situación é dramática. A colleita do cereal de inverno está perdida e, sendo extremadamente positivos, podemos esperar que se salve un 5 %", lamenta Maite Joga, presidenta de ADEGAL. 

As leiras están encharcadas e non é posible meter maquinaria para traballar, de maneira que tamén irá con atraso a sementeira da pataca.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade