A cidadanía elixe os 720 deputados que conformarán o Parlamento Europeo
A cidadanía elixe os 720 deputados que conformarán o Parlamento Europeo
As votacións estanse a celebrar desde o 6 de xuño ata o día 9, dependendo dos países
Os resultados coñeceranse o domingo a partir das once da noite, cando Italia pecha os colexios electorais
Nestes comicios, a cidadanía elixe os 720 deputados que conformarán o Parlamento Europeo durante os vindeiros cinco anos, dos cales 61 parlamentarios corresponden a España.
As votacións efectúanse nos 27 Estados membros da UE e poden participar case 360 millóns de electores, algo máis de 38 millóns de votantes en España. Na actualidade no Parlamento Europeo hai 217 partidos que se agrupan en sete grupos políticos.
As xornadas electorais celébranse desde o día 6 ao 9 de xuño, dependendo dos países. O primeiro en votar foi Países Baixos o pasado xoves, seguido de Irlanda que votou o venres e República Checa, que vota durante dous días, venres e sábado.
Este sábado, abriron os colexios electorais tamén en Letonia, Malta e Eslovaquia. En dúas xornadas depositan o seu voto tamén os cidadáns de Italia, que comezan este sábado e rematan o domingo.
En case todos os países membros pódese votar a partir dos 18 anos. En Bélxica, Austria, Alemaña e Malta permiten facelo xa desde os 16, mentres que en Grecia é desde os 17 anos.
O que está en xogo
Estas eleccións marcarán non só a composición do poder lexislativo representado no Parlamento europeo, senón que condicionarán tamén os principias órganos de Goberno.
Os deputados europeos electos serán os encargados de conformar as maiorías lexislativas que darán forma ao poder executivo que recae na Comisión Europea.
Desde estas institucións márcanse moitas das políticas económicas, de sectores produtivos, medio ambientais, ou de seguridade... que inciden na vida cotiá dos cidadáns.
En España os colexios electorais pecharán coma sempre ás oito da tarde, pero os resultados provisionais faranse esperar. Coñeceranse a partir das once da noite do domingo.
Italia pecha os colexios electorais a esa hora e a normativa comunitaria impide a difusión dos resultados do reconto de votos ata que pechan os centros de votación en todos os países membros.
Escrutinio definitivo
O escrutinio xeral e definitivo tardará aínda días ata que se efectúe o reconto de votos da cidadanía que reside permanentemente no estranxeiro.