A cidade chinesa de Tianjin fará tests masivos tras detectar casos de ómicron
A cidade chinesa de Tianjin fará tests masivos tras detectar casos de ómicron
O reputado epidemiólogo Zhang Wenhong nega que a ómicron sexa menos virulenta
A China mantén as súas fronteiras practicamente seladas desde marzo de 2020
A cidade setentrional chinesa de Tianjin anunciou a realización dun cribado aos case 14 millóns de habitantes despois de detectar polo menos dous contaxios locais da variante ómicron, os primeiros que se rexistran na parte continental do país asiático.
As autoridades locais indicaron que ambos os dous positivos están relacionados, e son parte dos últimos 20 contaxios locais detectados na cidade, todos nun mesmo distrito, polo que é probable que se diagnostiquen máis nas vindeiras horas.
Tianjin fora a primeira cidade chinesa en rexistrar un caso de ómicron a mediados de decembro, aínda que naquel caso tratouse dun "importado", a diferenza da situación actual, na que as persoas contaxiadas non saíran da cidade nas dúas últimas semanas.
A urbe, situada a máis de 100 quilómetros de Pequín, confinou 29 zonas residenciais, pechou parcialmente dúas liñas de metro e cancelou polo menos 144 voos no aeroporto de Binhai.
"Non é menos virulenta"
O reputado epidemiólogo Zhang Wenhong, citado polo diario oficial Global Times, negou que a variante ómicron sexa considerada menos virulenta que outras mutacións e afirmou que o mundo só debería "reabrir" (A China mantén as súas fronteiras practicamente seladas desde marzo de 2020) cando se teña construído unha "barreira inmunolóxica forte" e as taxas de mortalidade sexan "moi baixas".
Esta semana, o xefe do equipo nacional de expertos médicos contra a covid, Zhong Nanshan, asegurou que o país xa alcanzara a "inmunidade de rabaño" tras vacinar coa pauta completa máis do 83 % da poboación.
Tolerancia cero
As autoridades chinesas seguen apostando por unha política de tolerancia cero contra o coronavirus, o que mantén o país practicamente illado do exterior desde hai case dous anos. Porén, permitiulle soster un nivel moi baixo de contaxios comparado co doutros países, ao reaccionar con tests masivos e confinamentos ante calquera repunta, por pequena que sexa.
A nación asiática comezou 2022 en alerta polos gromos detectados desde mediados de outubro do ano pasado, que deixaron máis de 7.000 casos (preto de 5.000 deles, por contaxio local) aínda que ningún falecemento.
Xogos de Inverno
Este ano será clave para o país, xa que celebra os Xogos Olímpicos de Inverno a partir de febreiro en Pequín. Ademais, en outubro, acolle un importante congreso político do Partido Comunista da China (PCCh), que só se celebra cada cinco anos, e no que o seu líder, Xi Jinping, aspira a un novo mandato.