Publicador de contidos
Publicador de contidos

As riadas en Libia deixan preto de 20.000 persoas falecidas e desaparecidas

As riadas en Libia deixan preto de 20.000 persoas falecidas e desaparecidas

Preocupa a propagación de epidemias pola descomposicións dos cadáveres

As autoridades din que se está a investigar o estado das presas que romperon

Cidade de Derna, Libia, arrasada pola riada despois da rotura de dúas presas
G24.gal 16/09/2023 14:55 Última actualización 16/09/2023 18:35

O número de vítimas das inundacións en Libia segue aumentando. Entre falecidos e desaparecidos podería chegarse ás 20.000 persoas, segundo as autoridades locais da cidade de Derna.

Precisamente aquí estase valorando illar a cidade do resto de áreas afectadas por temor a epidemias que se propaguen pola auga. Preocupa a descomposición dos cadáveres que seguen aparecendo na costa e entre os cascallos.

Barrios enteiros desaparecidos a carón do que era un río que dividía en dúas a cidade de Derna. Edificios completos arrastrados ata o mar con todo dentro. En pouco máis de hora e media desde que rebentaron as presas a auga levou todo ao seu paso, unha cuarta parte da cidade quedou borrada do mapa.

É tempo agora para as investigacións sobre o estado das infraestruturas e tamén para valorar o toque de queda imposto á poboación en lugar da evacuación. Así o manifestaban as autoridades libias que insistían en que se buscaría o responsable da falta de mantemento das presas. Os que sobreviviron á riada seguen buscando os seus desaparecidos.

"Quero atopar a meu irmán e a súa familia, atopalos e enterralos. Están debaixo dos cascallos. Os funcionarios teñen que traer máquina e quitalos. Podo levalos aos edificios onde hai corpos en descomposición, están empezando a cheirar".

Mentres os equipos de rescate coma este da ONG Intervención, Axuda e Emerxencias onde está o galego Miguel Montero seguen buscando vida entre os restos.

A xestión dos cadáveres é xa un problema urxente pola descomposición dos corpos. As fosas comúns énchense de restos en ocasións sen identificar, e o Mediterráneo segue botando fóra corpos que chegaron arrastrados pola riada. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade