A cociña económica da Coruña serve 1.500 menús diarios
A cociña económica da Coruña serve 1.500 menús diarios
A Coruña celebrará mañá domingo unha San Silvestre moi solidaria
Óscar Castro e Pablo Sánchez foron os representantes da Cociña económica da Coruña que se achegaron ata o CC Marineda, onde Xoán Galán presentou un Galicia en goles moi especial, dedicado á San Silvestre da cidade herculina. Alí coñecemos máis desta actividade voluntaria e solidaria que ofrece axuda ás familias máis necesitadas.
Óscar Castro explicou a súa visión desta carreira e do seu labor:
"A nosa cidade é moi solidaria. Vémolo en cada momento. Hai necesidade na Coruña. Neste caso, coa San Silvestre é especial porque xunta milleiros de coruñeses con afán de correr, con moitas iniciativas. Para nós, supón un recoñecemento importante. A cociña económica serve 1.500 menús diarios, entre os que repartimos para as familias nos barrios e os menús na propia cociña. Desgraciadamente é unha realidade. As crises aumentaron as necesidades da xente. O número de persoas non diminuíu".
Pola súa banda, Pablo Sánchez tamén incidiu no día a día da cociña económica.
"O que facemos é cubrir parte das necesidades básicas das persoas, facer dúas ou tres comidas ao día. Procuramos que a maiores deses servizos básicos poidan ter tamén medicacións, cuestións a maiores da alimentación. Todos os servizos son de balde, temos que pensar que as persoas que atendemos non poden pagar. Dende a pandemia, mantemos en máximos de atención, e constatamos que o perfil tamén troca, atendemos persoas que traballan e que non cobren gastos, cos alugueiros altos da cidade por exemplo".