Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os expertos propoñen situar o salario mínimo entre 1.046 e 1.082 euros en 2023

Os expertos propoñen situar o salario mínimo entre 1.046 e 1.082 euros en 2023

A vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, convoca os axentes sociais para unha xuntanza este mércores para tratar de alcanzar un acordo sobre a cifra definitiva de suba

G24.gal 19/12/2022 11:47 Última actualización 19/12/2022 12:50

No Ministerio de Traballo presentouse este luns o informe do comité de expertos con recomendacións sobre a subida do salario mínimo interprofesional (SMI) para 2023, que sitúa entre os 1.046 euros e os 1.082.

Actualmente o SMI está situado en 1.000 euros brutos mensuais en 14 pagas. 

O informe establece catro posible subas que parten do 4,6 % que situaría a suba neses 1.046 euros, na parte máis baixa. Tras esa suba propóñense dous escenarios intermedios do 5,4 %, ata 1.054 euros, e do 6,6 %, ata 1.066 euros, para finalizar esa alza do 8,2 % ata 1.082 euros.

A coordinadora desta comisión de expertos, a profesora Inmaculada Cebrián, presentou ese informe acompañado pola vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz.

Cebrián subliñou que con esta pinza de incrementos, o SMI alcanzaría o 60 % do salario medio neto de 2022 comprometido na Carta Social Europea, aínda que insistiu na dificultade que entraña realizar estimacións sobre o salario medio debido ao atraso na actualización estatística.

A coordinadora da Comisión explicou que o salario medio neto en 2020 foi de 1.856 euros e que, a partir dese valor, obtense que o SMI en 2020 debería ser de 1.035 euros. Con este punto de partida, os expertos usaron dúas fontes distintas para estimar os incrementos do salario medio de 2021 e 2022, a Enquisa de Custo Laboral e a de convenios colectivos.

Os expertos aconsellan tamén no seu informe revisar o SMI aos seis meses para avaliar a súa suficiencia, dado o contexto de alta inflación e tendo en conta que as rendas máis baixas son as que máis sofren o incremento dos prezos de consumo.

Traballo non se pronuncia e busca negociar cos axentes sociais

Con esa recomendación, a ministra de Traballo anunciou que xa este mércores reunirá á patronal e aos sindicatos para tratar de chegar a un acordo sobre unha cifra definitiva.

Yolanda Díaz asegurou que ata que se produzan eses contactos, o Goberno non se vai decantar por ningún dos posibles escenarios de suba. Non obstante, pediulles aos axentes sociais que "teñan altura de miras" e que vaian a esa mesa de negociación "coa mellor das intencións".

Díaz, defendeu que as subidas do SMI son unha "historia de éxito", xa que demostraron ser unha "ferramenta moi eficaz" que non produce os "efectos teorizados" sobre que supoñía destrución de emprego.

"O SMI non afecta de maneira negativa na creación de emprego", afirmou a vicepresidenta segunda.

A suba do SMI, cun efecto marxinal no crecemento do emprego

Precisamente, a comisión de expertos ao respecto do impacto das subas do SMI sobre o crecemento de emprego concluíu que foi marxinal, "minorando de forma moi pouco intensa o seu aumento", mentres que contribuíu a reducir a pobreza e a desigualdade.

Calculan que grazas ás subas do salario mínimo a redución da pobreza económica nos fogares foi do 2,8 %, permitindo saír da pobreza entre 2018 e 2020 a 250.000 persoas, das que case a metade son menores de 30 anos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade