Publicador de contidos
Publicador de contidos

Detidas seis persoas máis vinculadas á trama do xefe da UDEF en Madrid

Detidas seis persoas máis vinculadas á trama do xefe da UDEF en Madrid

Os arrestos producíronse na segunda fase da operación dirixida pola Audiencia Nacional contra o narcotráfico, o branqueo de capitais e o suborno

Polo momento hai 22 persoas detidas en total

Imaxe de arquivo dun coche da Policía Nacional Imaxe de arquivo dun coche da Policía Nacional
G24.gal 04/12/2024 16:55

A Policía Nacionsal detivo seis persoas presuntamente vinculadas á operación contra o narcotráfico na que foi arrestado o antigo xefe de Delitos Económicos da Brigada provincial da Policía Xudicial da Xefatura Superior de Madrid, Óscar S.G, quen supostamente cobraba un millón de euros por facilitar a entrada de cargamentos de droga en España.

Os arrestos producíronse na segunda fase da operación dirixida pola Audiencia Nacional contra o narcotráfico, o branqueo de capitais e o suborno. Tres dos seis detidos pasaron á disposición do xuíz da Audiencia Nacional, Francisco de Jorge, quen os enviou a prisión por presunto delito de branqueo.

O inspector, antigo xefe da Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal, concretamente da Sección de Delitos Económicos e Branqueos, foi arrestado en novembro xunto a súa muller, tamén policía. Nesa primeira redada foron detidas un total de 15 persoas.

Nos rexistros practicados por Asuntos Internos acháronse 20 millóns de euros agochados na casa do inspector de Alcalá de Henares (Madrid) e case outro millón no seu despacho da Xefatura Superior de Policía de Madrid.

A súa cuñada fora detida con anterioridade. Era a titular das setenta licenzas de Vehículos de Transporte con Condutor (VTC) coas que presuntamente a trama lavaba o diñeiro procedente do narcotráfico.

En total foron detidas 22 persoas vinculadas á suposta trama de branqueo de diñeiro procedente do narcotráfico.

O xuíz decretou prisión provisional para todos eles nunha causa presuntamente relacionada coa intervención no porto de Alxeciras de trece toneladas de cocaína procedentes de Ecuador. Trátase do maior alixo descuberto ata a data na historia do narcotráfico en España.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar