Os pagamentos en efectivo van a menos, e soben os usuarios de tarxetas no móbil
Os pagamentos en efectivo van a menos, e soben os usuarios de tarxetas no móbil
Os usuarios que pagan con metálico a diario son un 8 % menos que en 2023, segundo un estudo do Banco de España
Levamos 46 euros de media en efectivo no peto
Nin 50 euros en efectivo levamos hoxe no peto. Un informe do Banco de España coloca a media nos 46. Levamos poucos cartos, porque cada vez pagamos menos con eles: os que os usan a diario son un 8 % menos ca en 2023, e hai un 3 % de usuarios que afirman non pagar nunca en efectivo.
Aínda así, o efectivo segue sendo o medio de pagamento máis frecuente. Úsano sobre todo os homes e as persoas maiores de 55 anos. Segundo ese estudo, as mulleres usan máis as tarxetas, e os mozos e mozas de entre 18 e 34 anos pagan coas tarxetas que levan no móbil.
Esas carteiras dixitais son o medio de pagamento que máis medra ano a ano: os usuarios frecuentes subiron un 3 %. Din que a razón principal é a comodidade. Dende a asociación Adicae engaden ademais que a tarxeta do móbil é máis segura que a física.
"Non poñemos os datos da tarxeta, fai como unha pantalla" explica Raiza Noguera. "Traballa cun sistema de 'tokenización', o que fai é xerar un 'token' diferente con cada compra. Iso fai a compra un pouco máis segura".
Tamén recomenda usar tarxetas prepago no comercio electrónico ou Bizum para facer transferencias máis seguras entre particulares. E lembra que, igual que cos cartos, o risco cero tampouco existe no dixital.