Publicador de contidos
Publicador de contidos

Crédito ao consumo, inflación e crecemento; por Maite Cancelo

OPINIÓN

Crédito ao consumo, inflación e crecemento; por Maite Cancelo

G24.gal 05/06/2024 08:05

Os últimos datos oficiais proporcionados polo Banco de España mostran como o crédito xeral ás familias volveu baixar en marzo nun 1,8 %, pero aumentando nun 0,2 % con relación ao mes anterior e alcanzando os máis de 679 mil millóns de euros, que se destinaron, maioritariamente, a préstamos para a compra de vivenda, a pesar de que cae con relación ao mesmo mes do ano anterior, nun 2,6 %.

Doutra banda, o crédito ao consumo dos fogares situouse en marzo ao redor dos cen mil millóns de euros, unha cifra que non se acadaba desde abril de 2009, en plena crise inmobiliaria, e cun aumento do 6 % con relación ao valor de principios de ano.

O que máis preocupa destes últimos datos, que non están proporcionados polo Banco de España, senón por outros estudos (como o da asociación de usuarios financeiros, ASUFIN) é o destino destes créditos, xa que a inflación está a disparar a demanda de préstamos por necesidade, ou sexa, para financiar os gastos do día a día.

No mencionado estudo, tamén se presentan outros datos do destino dos créditos ao consumo, como son os dedicados a financiar os gastos en lecer ou estudos, que aínda que son menos preocupantes dado que se poden devolver con maior facilidade, a pesar de que se financian con tipos de interese máis elevados, mostran a delicada saúde financeira das familias en España. Desta forma, nos primeiros meses deste ano, os créditos para o pagamento de viaxes e vacacións incrementáronse en 2,3 puntos, situándose nun aumento interanual do 12 %, e a previsión, dada a proximidade do período estival, é que continuará incrementándose.

Pola outra banda temos o dato da carteira hipotecaria, que descendeu no mes de abril un 2,1 % con relación ao mesmo mes do ano anterior. Dado que isto vai paralelo á subida dos tipos de xuro, ao problema da vivenda en España e ao maior control bancario á hora de conceder este tipo de créditos, non se prevé un aumento dos créditos neste concepto.

En calquera caso, as necesidades de gasto das familias disparáronse polo continuo aumento dos prezos, cunha inflación que segue crecendo, aínda de forma moderada, pero que xa causou un buraco nos aforros das familias, que estaban en valores moi elevados debido á contención no consumo durante a crise da covid-19.

Causas e consecuencias

Como comentamos en programas anteriores, a pesar de que o IPC está a crecer a taxas menos dramáticas que en anos anteriores (onde alcanzamos os dous díxitos), a subida acumulada desde abril de 2021 alcanzou o 18 %, o 32 % no caso dos alimentos.

Esta inflación, aos poucos, foi comendo o peto dos fogares e, como sinalaban xa os datos de Eurostat en setembro de 2023, aínda que as familias españolas aforraron durante a crise da covid-19 o 25 % dos seus ingresos, ese aforro foi baixando situándose na metade no segundo semestre do ano pasado, xa que eses cartos fóronse utilizando para poder manter a habitual cesta da compra, cada vez máis encarecida.

O problema destes datos que imos coñecendo é que amosan unha perda do poder adquisitivo en España que xa inflúe sobre os orzamentos familiares e que acabará afectando o consumo privado, o cal, non esquezamos, representa máis do 50 % do PIB e é un dos principais motores de crecemento da nosa economía.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade