Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Comisión de Xustiza tramita a derrogación da sedición e a rebaixa da malversación

A Comisión de Xustiza tramita a derrogación da sedición e a rebaixa da malversación

Con 19 votos a favor, 17 en contra e unha abstención, os socios da coalición con apoio dos seus tradicionais aliados parlamentarios sacaron adiante unha ampla reforma do Código penal, que tamén recolle os cambios na eleccións dos maxistrados do Constitucional

O PSOE: a emenda a lei do só si é si é "toque de atención aos xuíces"

Patxi López (PSOE) e Jaume Asens (UP) (EFE) Patxi López (PSOE) e Jaume Asens (UP) (EFE)
G24.gal 13/12/2022 11:11 Última actualización 13/12/2022 14:55

A Comisión de Xustiza do Congreso aprobou este martes a reforma que elimina o delito de sedición do Código penal para convertelo nun de "desordes públicas agravadas" e que rebaixa a 4 anos a pena máxima do de malversación cando non exista ánimo de lucro ou enriquecemento persoal, como acordaron onte pola tarde o PSOE e ERC.

Con 19 votos a favor, 17 en contra e unha abstención, os socios da coalición con apoio dos seus tradicionais aliados parlamentarios sacaron adiante unha ampla reforma do Código penal que derroga o delito de sedición e modifica o de malversación, polos que foron condenados os líderes do procés.

O texto, que se votará nun pleno extraordinario o xoves para pasar ao Senado e poder ser aprobado definitivamente antes de fin de ano, inclúe tamén cambios no sistema de maiorías do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) cando elixe os maxistrados do Tribunal Constitucional para sortear o actual bloqueo.

Os socios do goberno aproveitaron a reforma ademais para introducir un delito de enriquecemento ilícito e reformar o Código penal en relación ao de desordes públicas e en materia laboral, ao castigar con cárcere, por exemplo, a contratación de falsos autónomos.

Varios grupos criticaron a tramitación acelerada desta iniciativa, practicamente sen debate, e PP, Vox e Cs acusaron o Goberno de violar as regras do Estado de dereito para satisfacer as esixencias dos independentistas cataláns que os sosteñen na Moncloa.

O PSOE defendeu o "exercicio regulamentario e democrático" da súa capacidade lexislativa e lembrou que o obxectivo do Goberno é "recuperar pontes rotas" en Cataluña. Quixo deixar claro que en ningún caso se despenaliza o desvío de fondos públicos.

O delito de malversación limítase sen despenalizarlo, coincidiu a portavoz de ERC, Carolina Telechea, quen considerou que a reforma é "positiva", aínda que manteñen discrepancias ao redor da nova regulación das desordes públicas e lembrou que o seu obxectivo último segue sendo a independencia.

No centro da iniciativa está a transformación do delito de sedición nun agravado de desordes públicas, o que rebaixa a pena máxima de 15 a 5 anos. Coa reforma da malversación, mantéñense as penas cando haxa ánimo de lucro, pero créanse novos tipos con penas inferiores cando non hai enriquecemento persoal.

A emenda a lei do só si é si é "toque de atención aos xuíces"

O portavoz do PSOE no Congreso, Patxi López, afirmou que a emenda que trata de aclarar a aplicación da lei do só si é si ten como obxectivo "pegar un toque de atención aos xuíces" para que non haxa rebaixas de condena.

López recoñeceu que a emenda transaccional introducida na reforma do Código penal e pactada entre os ministerios de Xustiza e Igualdade carece de valor xurídico ao estar na exposición de motivos.

Nos obstante, defendeu a incorporación do texto para lembrar que non hai por que rebaixar as penas aos agresores en virtude da lei de só si é si, xa que o Código penal é "compatible" coas penas que aparecen nesta norma.

Un dos baróns máis críticos do PSOE coa rebaixa da malversación é o presidente de Castela-A Mancha. Emiliano García-Page rexeita a reforma. Cre que non se pode pactar cos soberanistas a súa propia condena. E explica que ademais non observa arrepentimento nos que lideraron o referendo ilegal do un de outubro.

Fiscais alertan de revisións á baixa coa reforma da malversación

Asociación de Fiscais (AF) alerta de que a reforma do delito de malversación conlevará revisións á baixa en condenas por corrupción do mesmo xeito que sucedeu coas sentenzas por agresión sexual a partir da entrada en vigor da coñecida como Lei do só si é si.

"Polo menos, que non se diga que nesta ocasión non estaban avisados", advirte esta asociación, maioritaria na carreira e de carácter conservador, nun comunicado no que lamenta ademais que esta reforma se aprobe"omitindo deliberadamente todo tipo de informe que fixese reflexionar sobre as súas terribles consecuencias".

Ao seu xuízo, "o único dato obxectivo e constatable é que as penas propostas poderían conlevar revisións de condenas xa ditadas pois, como xa pasou coa controvertida lei do só si é si, algúns tipos contemplan penas inferiores ás vixentes".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade