Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Comisión Europea aproba o plan de recuperación español, con 93.500 millóns de euros máis en fondos

A Comisión Europea aproba o plan de recuperación español, con 93.500 millóns de euros máis en fondos

7.700 millóns deles en transferencias e 83.200 millóns de euros en préstamos

Esta partida abre tamén a porta á solicitude de forma "inminente" do cuarto pago de 10.000 millóns de euros

G24.gal 02/10/2023 12:25

A Comisión Europea aprobou este luns a revisión do plan de recuperación de España, que elimina introducir peaxes en autovías e coa que se mobilizarán un total de 93.500 millóns de euros adicionais, 7.700 millóns deles en transferencias e 83.200 millóns de euros en préstamos, aos que se unirán os case 2.600 millóns de euros do novo mecanismo para financiar a transición verde RepowerEU.

Esta partida súmase aos 37.036 millóns de euros que España recibiu ata a data e abre tamén a porta á solicitude de forma "inminente" do cuarto pago de 10.000 millóns de euros. España poderá recibir os primeiros 1.400 millóns de euros a modo de prefinanciamento, equivalente ao 20 % do total do monto previsto para investimentos, unha vez que os Vinte e Sete dean o seu visto e prace nun máximo de catro semanas á decisión presentada este luns por Bruxelas.

O novo plan inclúe a simplificación dos procedementos de concesión de permisos para a produción de enerxías renovables e para as infraestruturas da rede eléctrica, así como sete novos investimentos en enerxía renovable e transición ecolóxica, tales como un sistema de apoio á produción e adopción de hidróxeno renovable ou un sistema de subvencións para apoiar a cadea de valor da enerxía renovable e o almacenamento de enerxía, entre outros.

Ademais, a revisión modifica 52 medidas do plan orixinal xustificadas por "circunstancias obxectivas" como as perturbacións na cadea de subministración, a guerra de agresión de Rusia contra Ucraína e o impacto duradeiro da covid-19; a falta de demanda e o aumento dos prezos debido á elevada inflación ou as dificultades xurídicas ou técnicas inesperadas levaron a modificar algúns elementos ou a atrasar a aplicación.

Entre esas modificacións destaca a eliminación do plan para introducir o pago de peaxes en autovías a partir de 2024, que se substituíu polo impulso ao transporte ferroviario coa fin de reducir emisións de gases de efecto invernadoiro, polo que Bruxelas considera que "mantén o nivel de ambición" da anterior medida e aborda as recomendacións específicas para España neste ámbito.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade