A comunidade de montes de Ove, en Ribadeo, troca eucaliptos por aguacates
A comunidade de montes de Ove, en Ribadeo, troca eucaliptos por aguacates
Os comuneiros van plantar un cento destas árbores tropicais nunha hectárea de monte
Onde antes había eucaliptos agora vai haber aguacates. De xeito experimental, os comuneiros de Ove, en Ribadeo, decidiron apostar polo cultivo desta árbore tropical nunha hectárea de monte.
O proxecto supón, por tanto, un xiro no modelo de xestión das comunidades de montes que se vén practicando no noso país.
Álvaro Doural, presidente da comunidade de montes de Ove: "Fixemos un traballo de transformación do solo e agora imos plantar aguacates tipo Hass. Vai plantado cada dez metros, coa idea de que se poida mecanizar cun tractor a limpeza".
Os comuneiros van plantar preto dun cento de árbores. Prevén recoller os froitos esta mesma década, e non desbotan ter que contratar persoal para apañalos.
Álvaro Doural, presidente da comunidade de montes de Ove: "Vai ser un volume importante, consideramos, de aguacates, con 85 árbores na plantación. E despois verase como se comercializa este produto".
No ámbito estatal, a superficie dedicada ao cultivo do aguacate vai camiño das 25.000 hectáreas. Cunha produción anual media que supera as 100.000 toneladas, o seu valor é duns 400 millóns de euros.