Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Cedeao prepara un posible uso da forza en Níxer se fracasa o diálogo

A Cedeao prepara un posible uso da forza en Níxer se fracasa o diálogo

A Comunidade Económica de Estados de África Occidental envía soldados á zona

G24.gal 10/08/2023 19:02 Última actualización 10/08/2023 21:55

Os líderes da Comunidade Económica de Estados de África Occidental (Cedeao) ordenaron este xoves activar a forza de reserva do bloque para unha posible intervención destinada a restablecer a orde constitucional en Níxer, aínda que aseguraron seguir apostando polo diálogo.

“Ordénase a activación da forza de reserva da Cedeao con todos os seus elementos inmediatamente e a súa despregadura para restablecer a orde constitucional na República de Níxer”, anunciou o presidente da Comisión do bloque de países, Omar Alieu Touray, en Abuia, a capital de Nixeria, durante unha reunión extraordinaria de xefes de Estado e de Goberno para atopar unha solución á crise.

A pesar deste movemento, Touray subliñou o “compromiso continuo” da Cedeao para “restaurar a orde constitucional a través de medios pacíficos”.

No cume participaron os presidentes de Benín, Costa do Marfil, Ghana, Guinea-Bisau, Nixeria, O Senegal, Serra Leoa e Togo, así como os ministros de Asuntos Exteriores de Gambia, Liberia e Cabo Verde.

Ademais, acudiron os presidentes de Burundi e Mauritania e representantes da Unión Africana e as Nacións Unidas, institucións ás que a Cedeao chamou a “apoiar” os seus “esforzos por garantir unha rápida restauración da orde constitucional” en Níxer.

Aínda que a xunta militar de Níxer rexeitou en varias ocasións dialogar cos representantes da Cedeao, o líder golpista, o xeneral de brigada Abdurahamane Tiani, atopouse este mércores con autoridades relixiosas tradicionais de Nixeria e Níxer, que informaron a Tinubu da súa intención de “facer todo o posible por achegar as dúas partes e mellorar o entendemento”.

No anterior cume extraordinario dos líderes da Cedeao, celebrada o pasado 30 de xullo, o bloque deu un ultimato de sete días para que os golpistas se retirasen e ameazou á xunta de Níxer cunha intervención militar contra o país se non se restablece a orde constitucional.

O golpe de estado en Níxer estivo encabezado o pasado 26 de xullo polo autodenominado Consello Nacional para a Salvagarda da Patria (CNSP), que anunciou a destitución do presidente e a suspensión das institucións.

Níxer converteuse así no cuarto país do oeste de África liderado por unha xunta militar, despois de Mali, Guinea-Conakri e Burkina Faso, onde tamén houbo golpes de estado entre 2020 e 2022. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar