Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ángeles Vázquez asegura que a Sareb non ten en Galicia ningún dos pisos comprometidos polo Goberno

Ángeles Vázquez asegura que a Sareb non ten en Galicia ningún dos pisos comprometidos polo Goberno

A conselleira de Vivenda explica que das 43 ofrecidas só 5 teñen licenza e algunha xa está ocupada

Cre que a lei vai ser "un caos". "O 80 % dos galegos poderían ser ocupas se así o quixeran"

Confía en que a lei do litoral aprobada pola Xunta entre en vigor en setembro

G24.gal 07/05/2023 14:14 Última actualización 07/05/2023 16:41

A conselleira de Vivenda, Ángeles Vázquez,  asegura que a SAREB non conta con vivendas en Galicia para destinalas ó alugueiro social.

Nunha entrevista na Radio Galega, Ángeles Vázquez  afirmou que o banco malo lle confirmou á Xunta que  dos 1200 pisos que ten na comunidade,  preto de 500 están en proceso de venda a particulares e  800   non están habitables.

Vázquez  agoira que a Lei de Vivenda impulsada polo Goberno central suporá a maior parálise do sector  dos últimos anos.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda  explicou que, tralo anuncio de Pedro Sánchez,   a Xunta  púxose  en contacto coa Sareb para   saber de cantas vivendas  dispuña en Galicia para  alugueiro social.

O banco malo contestou por escrito que das 50 mil  anunciadas polo presidente do Goberno en toda España, só había dispoñibles  21 mil e delas, en Galicia,  pouco máis de 1200.

Destas 1200, segundo explicou Ángeles Vázquez,  "479 encóntranse en  comercialización externa e as  806 seguintes  teñen algún tipo de saneamento pendente". Se sumamos   479 e 806 dannos as 1285 vivendas (da Sareb)".


A titular de Vivenda  tamén explicou, que antes do anuncio de Pedro Sánchez, a Xunta puxérase en contacto coa SAREB para mercarlle viviendas para destinalas a  familias desafiuzadas. Daquela a SAREB  contestáralle que había 43 pisos. Deles só 5 contaban con licencia de primeira ocupación e destes 3 estaban okupados. Destas vivendas só unha estaba  nunha cidade, en Ourense, e as outras en Mugardos e en Silleda, zonas non tensionadas.

Así as cousas , Ángeles Vázquez acusa o Goberno central de xogar cos sentimentos da xente.

Lei de Vivenda

Vázquez  tamen cargou contra a Lei de Vivenda da que agoirou que retirará casas do mercado por falta de seguridade xurídica e  porque moitas se destinarán ó alugueiro turístico.

Ademais,  criticou  que a norma facilita a inquiokupación porque, segundo dixo,  un inquilino pode pagar dous meses  e permanecer  nesa casa dous anos sen  que o propietario reciba nada a cambio. O requisito é que o soldo non supere os 1800 euros. Segundo dixo  Vázquez "o 80% dos galegos poderían ser okupas se quixesen". Engadiu que "vai ser un caos  e hai que frealo"

A conselleira de Vivenda lamentou que o Goberno non atendese a súa petición dunha conferencia sectorial para abordar a lei e que tampouco aceptase as emendas presentas pola Xunta.

Segundo Ángeles Vázquez, o texto suporá  "a maior parálise do sector   dos últimos anos  en Galicia e no resto de España".


"Animo ás cidades  a que dean o paso  e soliciten as axudas  para  construír vivendas"

A titular de vivenda  anunciou que a   semana que vén publicaránse na DOG  as axudas para mellorar a accesibilidade das vivendas. Segundo explicou, este ano a partida duprícase e chega ata os 9 millóns de euros. Trátase de axudas  para instalar elevadores, salvaescaleiras ou rampas de acceso.

As axudas, dun total de 18 mil euros,  van destinadas as particulares, con persoas maiores de 65 anos ou cun grao de discapacidade superior ó 33 %,  e a  comunidades de propietarios, No caso dos inmobles situados no Camiño de Santiago, increméntanse en 3 mil euros. Vázquez  pediu axilidade ós concellos na tramitación da licenzas de obras.

Na entrevista da Radio Galega, Ángeles Vázquez tamén afondou  nas axudas da Xunta  ó alugueiro e á adquisición. Neste senso destacou os liñas  para  facilitar o arrendamento das  que se benefician 4 mil mozos e o bono alugueiro destinado ás persoas vulnerables.

Ángeles Vázquez  sinalou que a Xunta ten en marcha concursos  para  construír 1600 vivendas públicas nos próximos anos. Explicou que  "está aberta unha liña de axudas para que os concellos que teñan  vivenda propia a poidan rehabilitar e ter tamén vivenda pública".  Asemade  referiuse ás liñas de axudas para que os concellos constrúan casas, de ata  50 mil euros, polo que  animou   ás cidades "a que dean un paso á fronte e, polo tanto, nos soliciten esas axudas."

Asemade Vázquez pediu paciencia  ás persoas interesadas en acceder ós avais do 20%  que ofrece a Xunta ós mozos  para mercar unha vivenda. Asegurou que  no primeiro día se presentaron 30 solicitudes e que  hai moita demanda de información.

Tamén lembrou que o goberno galego segue a traballar no decreto   de habitabilidade dos baixos comerciais para que poidan empregarse como casas

Amais, avanzou que en menos de 15 días  sairá a convocatoria de axudas para a eficiencia enerxética financiadas con fondos europeos.

Lei do litoral

A conselleira de Medio Ambiente tamén defendeu na Radio Galega a Lei do Litoral que o Goberno central ameaza con recorrer.

Ángeles Vázquez  asegurou que  as críticas responden  a motivos ideolóxicos pero que, en todo caso, a Xunta está aberta ó diálogo.

A conselleira de Medio Ambiente e Territorio asegura que a Lei do Litoral,  en trámite parlamentario, está amparada polo Estatuto de Autonomía de Galicia, un punto no que discrepa o Goberno central.

Ángeles Vázquez cargou contra o PSdG polos diferentes criterios expostos polo seu secretario xeral e, esta mesma semana, polo Delegado do Goberno, que criticou o proxecto. Unhas críticas que, ó entender da conselleira, responden a un mandato de Pedro Sánchez e do Ministerio de Transición Ecolóxica ó que acusa de non basearse en datos científicos senón ideolóxicos.

Ángeles Vázquez sinalou que a lei é resultado das demandas do sector mar- industria e dos concellos costeiros  que nin sequera poden dar licenzas para cambiar tubaxes de saneamento. Segundo explicou, dende o ano 2018 "hai unha parálise total na costa onde residen a metade dos galegos  e da que se nutre  a economía e o turismo".

Tamén criticou a posición do BNG que  cre que a lei quedará en papel mollado porque Galicia carece de competencias   na materia.

A lei do litoral está  en tramitación parlamentaria e prevése que entre en vigor despois do  verán.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade