Educación prevé implantar os polos creativos en todos os centros o vindeiro curso
Educación prevé implantar os polos creativos en todos os centros o vindeiro curso
O secretario xeral técnico de Educación admite que a licitación do equipamento dependerá da subministración mundial
A Consellería de Educación prevé implantar ao longo do vindeiro curso 2023-2024 os polos creativos en todos os centros educativos. Son espazos de innovación educativa nas materias de matemáticas, ciencias e tecnoloxía. Instalaranse máis de mil novos que se suman aos 225 xa existentes.
Segundo destacou na Radio Galega o secretario xeral técnico da Consellería, Manuel Vila, é un proceso de "grande envergadura" polo tipo de equipamentos tecnolóxicos que hai que licitar e admite que nestes momentos "no mercado mundial hai problemas de subministración de elementos tecnolóxicos".
Con todo, insiste no obxectivo de que no vindeiro curso se vaian implantando.
"O que pretendemos é que a longo do curso 23-24 se poidan ir implantando todos os polos creativos".
A Consellería de Educación destinará 19 millóns de euros para esta iniciativa, 13 deles serán para equipamento e 6 para accións de formación, apoio e acompañamento ao profesorado.