A Consellería de Sanidade creará 1.412 novas prazas de emprego en 2025
A Consellería de Sanidade creará 1.412 novas prazas de emprego en 2025
Ademais, para 2025 prevese a entrada en vigor da nova lei galega de prevención de adiccións en menores, que prohibirá a este colectivo o consumo de bebidas enerxéticas, incidirá nas medidas contra o botellón e limitará a publicidade do alcol
Os orzamentos da Consellería de Sanidade para 2025 prevén a creación de 1.412 novas prazas de profesionais, que inclúen 523 para reducir a xornada laboral ata as 35 horas semanais no Servizo Galego de Saúde (Sergas), outras 790 nos procesos de estabilización, 30 de médicos de Urxencias, así como as necesarias para a posta en funcionamento do Centro de Protonterapia de Galicia e a estratexia de reprodución asistida, entre outras.
Ademais, para 2025 prevese a entrada en vigor da nova lei galega de prevención de adiccións en menores, que prohibirá a este colectivo o consumo de bebidas enerxéticas, incidirá nas medidas contra o botellón, limitará a publicidade do alcol e equiparará os vapeadores ao tabaco.
Estes son algúns dos anuncios que realizou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, na súa comparecencia na Comisión 3ª do Parlamento galego para presentar os Orzamentos do seu departamento para o próximo ano, que supoñerán 5.458 millóns de euros, un 5,1 % máis que en 2024.
"Sanidade está á cabeza das prioridades", recalcou, xa que leva o 40 % dos recursos totais cos que contará a Xunta o próximo ano e crecerá por encima da media do que o fai o total dos Orzamentos (2,6 %). De feito, Gómez Caamaño subliñou que o montante dedicado a Atención Primaria crece un 5,4%, ata os 1.668 millóns en total; mentres que a Hospitalaria sobe un 5,1 %, ata os 3.478 millóns.