Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Coruña analiza o modelo de cidade vertical na Semana da Arquitectura

A Coruña analiza o modelo de cidade vertical na Semana da Arquitectura

A programación incluíu visitas a edificios icónicos, como a Torre Hercón

G24.gal 12/10/2024 21:14 Última actualización 12/10/2024 21:40

Hai pouco conmemorabamos o Día Internacional da Arquitectura, pero na Coruña decidiron estender a celebración unha semana enteira e programaron exposicións, coloquios, conferencias e visitas a algúns dos edificios máis icónicos da cidade. A arquitectura vertical foi a protagonista das actividades.

A Torre Hercón aloumiña o ceo desde os seus cento dezanove metros de altura. Obra do arquitecto José Antonio Franco Taboada, o edificio cumprirá cincuenta anos en 2025. É o teito de formigón de Galicia.

"Tecnicamente é unha torre moi ben resolta. É unha torre que foi pioneira en España se falamos de estrutura e segue sendo o teito de Galicia, polo tanto é un símbolo para todos nós. É a torre perfecta", explica Francisco Díaz Gallego, concelleiro de Urbanismo.

Desde o último piso as vistas son imbatibles. Comprobouno o grupo que realizou a ruta polas torres residenciais do Ensanche organizada no marco da Semana da Arquitectura.

As torres son un elemento máis da identidade da Coruña. A maioría construíronse nos sesenta e setenta. Pero moito antes ca elas, no corazón da cidade, o edificio do Banco Pastor marcou unha época.

"A referencia anterior é a Torre de Hércules. Formulamos un edificio, o primeiro rañaceos de España, que toma como referencia os rañaceos tanto americanos como ingleses e que aquí se ve impulsado pola banca" detalla Antonio Río, profesor da Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC.

O primeiro rañaceos de España foi símbolo do poder económico emerxente na Coruña. A Semana da Arquitectura ofreceu a posibilidade de percorrer o seu interior e a doutras edificacións icónicas, como a Torre de Control Marítimo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos