Voces recoñecidas do rap reivindican o uso normalizado do galego
Voces recoñecidas do rap reivindican o uso normalizado do galego
Pontevedra acolleu a final do CeibaRimas, que naceu hai catro anos para fomentar o uso da lingua propia entre a mocidade
Un total de 26 persoas participaron nesta rifada competición de freestyle
Moito ambiente na Praza da Pedreira en Pontevedra durante a celebración da liga das CeibaRimas 2024. Un total de 26 rapeiros competiron durante seis horas nun espectáculo que pretende fomentar e normalizar o uso do galego, nesta disciplina musical.
"Amais ven ao pelo porque onte saíu que cada vez menos nenos falan o galego, e é un pouco para dinamizar que haxa cultura no noso idioma, que non sexa algo raro rapear en galego, que se normalice", di Big Meu, gañador do CeibaRimas 2023.
"O obxectivo é normalizar a lingua e que siga medrando e é unha ferramenta coma outra máis", relata Mog, finalista do CeibaRimas 2023.
Batallan sobre o escenario por unha lingua que perde falantes na rúa, segundo constata a última enquisa sobre o uso do idioma publicada polo Instituto Galego de Estatística (IGE).