As rúas de Redondela volven ás vésperas da cruenta Batalla de Rande de 1702
As rúas de Redondela volven ás vésperas da cruenta Batalla de Rande de 1702
Rememoraron os días previos ao gran combate naval, cando os campesiños custodiaron o ouro e a prata descargada dos galeóns
Redondela prepara xa a recreación da Batalla de Rande de 1702. Será a vindeira fin de semana. Mentres, este sábado e como parte do festexo que virá, nas rúas da vila rememoraron os días previos ao gran combate naval, cando os campesiños custodiaron o ouro e a prata descargada dos galeóns que viñan de América.
En plena guerra de sucesión española, no ano 1702, os galeóns cargados de tesouros de América atracaron na enseada de Rande. Antes de facerse co botín a tropa anglo-holandesa, conta a historia que descargaron parte do ouro e da prata en Redondela, Cesantes, e outros pobos limítrofes.
"Vai tamén unha representación dos campesiños da zona que xogaron un papel moi importante e incluso acompañados do carro, simulando aqueles carros que segundo a lenda, din, descargaron o tesouro cara a Madrid", conta a TVG Pedro Otero, o presidente da Asociación Cultural de Rande.
Este sábado desfilaron por Redondela os campesiños custodios dos tesouros, a Igrexa, os nobres, o príncipe-duque de Barbanzón ou o virrei da Nova España, José Sarmiento. A roupaxe que vimos está apoiada na historia, en moitos documentos do Museo de Meirande.
"E aí teñen bastante documentación tanto da historia da Batalla de Rande, e tamén moita vestimenta, moitos debuxos de como era a vestimenta daquel entón. A palabra disfrace non cabe aquí. Nos o que vamos é caracterizados de personaxes da época de 1702", relata Elvira Barcia, que interpreta o príncipe-duque de Barbanzón.
"A vestimenta tamén axuda a crear a personaxe, que xa son uns anos que levo facendo a mesma personaxe. Representando sempre a autoridade das Américas que agora está de regreso aquí en España", conta Luis Borines, que interpreta a José Sarmiento de Valladares, Virrei da Nova España.
O vindeiro sábado, coa actual Ponte de Rande ao fondo, conmemorarán a Batalla de Rande, cando as tropas anglo-holandesas derrotaron estrepitosamente á frota española e francesa.