Publicador de contidos
Publicador de contidos

A covid persistente, anos convivindo cos síntomas sen que vaia a menos

A covid persistente, anos convivindo cos síntomas sen que vaia a menos

O perfil de paciente que máis sofre esta doenza son mulleres de arredor de 40 anos

Pídenlle á Administración maior axilidade na diagnose e na tramitación das incapacidades

Paciente con covid persistente na avaliación da súa enfermidade
G24.gal 29/04/2023 14:48 Última actualización 29/04/2023 15:04

Despois de tres anos de convivencia coa covid hai pacientes que seguen padecendo os síntomas da enfermidade. Son persoas que quedaron coas secuelas dunha doenza que se volveu persistente e que condiciona seriamente a súa calidade de vida. Piden maior atención por parte da Administración. 

Pasaron os meses e incluso os anos, e os síntomas da covid seguen aí. O perfil de paciente que máis sofre esta doenza son mulleres de arredor de 40 anos e moitas delas, como Isabel Quintana, representante do colectivo de pacientes con covid persistente, arrástrano desde aquela primeira vaga. 

"A maioría dos pacientes sofren a fatiga entendida como unha sensación de que se che esgota a enerxía de repente. Tamén está a sensación de dificultade para respirar, que o aire non che chega, aínda que as probas digan o contrario. E despois tamén está a néboa mental e as dores musculares, que son moi habituais". 

O cadro da sintomatoloxía é moi amplo, igual que o grao de afectación. As doentes quéixanse de incomprensión incluso dentro do ámbito sanitario, que en ocasións atribúen a súa patoloxía a un malestar emocional. No caso de teren que xestionar unha incapacidade derivada da covid, a situación aínda se complica máis. 

"Cando xa falamos das relacións máis institucionais, co INNS á hora das incapacidades, ou á hora de solicitar unha discapacidade ou unha dependencia, a nosa enfermidade aínda non está no catálogo que eles manexan. Entón teñen que guiarse pola sintomatoloxía que temos e a maior parte dos nosos síntomas non son obxectivables, non saen na fotografía". 

Desde o colectivo galego de pacientes con covid persistente pídenlles aos profesionais sanitarios que se formen a medida que se vai coñecendo máis desta enfermidade sobre a que se creou xa unha rede de investigación que permitirá avanzar no diagnóstico e na cura.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos