Publicador de contidos
Publicador de contidos

A crise diplomática coa Arxentina pode ter impacto económico, por María Cadaval

OPINIÓN

A crise diplomática coa Arxentina pode ter impacto económico, por María Cadaval

G24.gal 21/05/2024 08:01

O presidente da República Arxentina visitou esta fin de semana España para asistir a un acto en que Vox deu o disparo de saída á campaña das eleccións europeas arroupado por líderes de ultradereita de distintos países. No transcurso do mesmo, Milei deu continuidade á crise diplomática que se abrira hai tan só dúas semanas co ministro Óscar Puente, que desta volta se agravou coas acusacións de corrupción de Begoña Gómez, muller de Pedro Sánchez.

Esta crise institucional quebra cun principio que se mantivo sempre entre España e os países de Latinoamérica: o respecto institucional. Esta quebra da institucionalidade é importante non só polas formas senón, sobre todo, polo fondo.

España é, tan só despois dos Estados Unidos, o país que mais investimentos ten na Arxentina e o primeiro de Europa, algo máis de 15.000 millóns de euros (segundo datos do ICEX), que capitalizan a grande escala as empresas eléctricas, as de gas e tamén as de servizos financeiros. Máis lonxe, pero tamén importantes, están as actividades pesqueiras ou cementeiras. Puido apreciarse ben na “foto” que Milei fixo cos pesos pesados do IBEX35, ademais de Garamendi. Representantes de empresas como Banco de Santander, Abertis, Econener, Mapfre, BBVA, Telefónica, entre outros, quedaron retratados e con eles tamén os seus eses intereses na Arxentina.

En exportacións, España non é un país importante para A Arxentina, non figura no top ten dos provedores, do mesmo xeito que as importacións van caendo en importancia aquí, malia que seguen a ser moi representativas en produtos do sector primario. A hiperinflación e a desvalorización da moeda acaban afectando aos resultados empresariais, o que explica, en parte, a caída paulatina do peso relativo das actividades económicas.

A Arxentina, o segundo país mais grande de América do Sur e o cuarto do continente americano, supón un mercado de case 50 millóns de habitantes, nos que teñen o seu selo tamén empresas galegas, que xeran arredor de 5.500 postos de traballo alí, pero cun impacto positivo tamén aquí. As armadoras galegas levan pescando na Arxentina dende hai máis de medio século e Iberconsa, por exemplo, ten dereitos de pesca sobre algunhas especies que superan o 15 % do total. Pero están tamén Arxenova, Vieira Argentina, Pescapuerta, Profand, Fandicosta, entre outras.

Superado o transo inicial que xerou o anuncio do “decreto ómnibus” por parte do lider ultraliberal e dos 50 millóns de euros que se agardaban de sobrecusto para as armadoras galegas, parece que finalmente non serán tal. Na Arxentina pescan oitenta barcos de arrastre de capital galego, e a falta de viabilidade da pesca nese país suporía un duro golpe non só para o país andino, senón tamén para a industria naval e a transformadora que se realiza en Galicia.

Cómpre que os políticos deixen de lado os intereses electorais e se centren nos intereses económicos e sociais que existen entre os dous países, con longa tradición de cordialidade e cooperación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade