Publicador de contidos
Publicador de contidos

A CRTVG convida ao seu debate as forzas políticas representativas e significativas de Galicia

A CRTVG convida ao seu debate as forzas políticas representativas e significativas de Galicia

Debaterán os candidatos do PPdeG, BNG, PSdeG, Sumar Galicia e Podemos Galicia; os tres primeiros como forzas políticas representativas e os dous últimos, como grupos políticos significativos seguindo o criterio da Xunta Electoral

G24.gal 22/01/2024 10:50 Última actualización 22/01/2024 12:55

A Corporación Radio e Televisión de Galicia ofrece un debate entre as cinco formacións máis representativas da comunidade. A el están convidados os candidatos e candidatas do Partido Popular de Galicia, Bloque Nacionalista Galego, Partido Socialista de Galicia, Sumar Galicia e Podemos Galicia, seguindo os criterios marcados pola Xunta Electoral.

O debate, tal como xa fora anunciado pola propia Corporación, celebrarase o día 5 de febreiro ás 21:30 horas no renovado estudio 300 de San Marcos. Estará moderado polos xornalistas Marta Darriba e Alejandro López, redactora xefa e subdirector da Área de Información e Documentación da CRTVG respectivamente.

Os candidatos confrontarán argumentos en base a tres bloques temáticos, que se estruturarán nas seguintes áreas:

1. Políticas económicas e orzamentarias. Emprego, industria e transición ecolóxica.

2. Políticas sociais e financiamento do benestar. Fiscalidade, educación, sanidade, igualdade e lingua.

3. Modelo institucional, pactos, gobernabilidade e voz de Galicia no Estado.

Grupos políticos representativos e significativos

Ao debate están convidadas cinco formacións, tres en calidade de forzas representativas e dúas en calidade de grupos políticos significativos, segundo os criterios da Xunta Electoral.

As tres formacións representativas son PPdeG, BNG e PSdeG, por ser as que lograron representación nos últimos comicios equivalentes: nas eleccións autonómicas de 2020 obtiveron 42, 19 e 14 deputados respectivamente.

A Corporación tamén convida a este debate os grupos políticos que actualmente cumpren cos criterios para ser considerados significativos. Un grupo político significativo é aquel que, malia non obter representación nos últimos comicios equivalentes (neste caso, as eleccións autonómicas de 2020), si obtivo unha porcentaxe significativa de voto en Galicia (máis do 5 %) en comicios posteriores.

Os dous grupos políticos significativos confirmados pola Xunta Electoral son as coalicións Sumar Galicia e Podemos Galicia. Ambas contan con esta consideración porque integraron unha mesma coalición nas eleccións xerais do 23 de xullo de 2023, que obtivo o 10,92 % do voto válido no ámbito da comunidade autónoma de Galicia.

Nun escrito do 20 xaneiro, a Xunta Electoral confirma que ambas coalicións deben ter a consideración de grupo político significativo a efectos de cobertura dos medios públicos no ámbito galego. Ningunha outra formación fóra das citadas logrou máis dun 5 % do voto en Galicia en ningún dos comicios posteriores ás últimas eleccións autonómicas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade