A cúpula fiscal avala a decisión de García Ortiz de amnistiar a Puigdemont e Junqueras
A cúpula fiscal avala a decisión de García Ortiz de amnistiar a Puigdemont e Junqueras
Unha Xunta de Fiscais dividida respalda a tese do fiscal xeral do Estado
Os catro fiscais do procés non asinarán o documento que se vai enviar ao Supremo
O PP pide a dimisión do Fiscal Xeral do Estado, ao que se refire como "o ministro 23 do Goberno"
Despois de case 6 horas de xuntanza impúxose a tese do fiscal xeral do Estado. Fixoo cun grao de división inédito na cúpula fiscal. Por 19 votos a favor e 17 en contra a Xunta de Fiscais avalou pedirlle ao Supremo que amnistíe os líderes independentistas por todos os delitos, incluído o de malversación.
Os 4 fiscais do procés votaron en contra: cren que os acusados buscaban un enriquecemento persoal e danar os intereses financeiros da Unión Europea, dúas das condicións que os excluirían de acollerse á amnistía.
Por ese motivo, eses catro fiscais renuncian agora a asinar o documento que se lle vai enviar ao Supremo. No seu lugar, farano o fiscal xefe da sala do Penal e a número dous de García Ortiz.
O Goberno apoia o seu traballo. "O fiscal xeral do Estado está facendo un magnifico traballo. Por tanto, confianza plena no seu traballo e na súa profesionalidade", dixo Pilar Alegría, voceira do executivo.
O Partido Popular cuestiona a imparcialidade de García Ortiz, a quen acusa de acumular unha montaña de escándalos. Para o seu voceiro, Borja Sémper, "converteuse no Tezanos da Fiscalía. Quen ten que axudar a impartir xustiza e facer respectar as leis é sospeitoso de incumprilas".
Agora será o Supremo quen decida se aplica ou non o criterio da fiscalía. Del depende que se levante a inhabilitación que pesa sobre Oriol Junqueras e os 3 exconsellers de Esquerra xa condenados e que se retire a orde de detención que pesa contra Carles Puigdemont e os outros dous exconsellers fuxidos.