A débeda pública rexistra un novo récord en España, por María Loureiro
A débeda pública rexistra un novo récord en España, por María Loureiro
A débeda pública en España aumentou no terceiro trimestre de 2022 en 28.431 millóns de euros e sitúase na arrepiante cifra de 1.503.799 millóns. Para comprender esta cifra, e entendela con respecto á capacidade produtiva dun país, e así tamén ver que países teñen máis perigo de non pagala, en economía tendemos a expresala con respecto ao PIB. Isto supón que España debe o 116 % do seu PIB. Tamén podemos expresar a débeda por individuo, o cal equivale a decir que cada español debe case 31,500 euros ao nacer.
Na actualidade, esta porcentaxe do 116 % de débeda sobre o noso PIB supera o obxectivo marcado polo Goberno para todo este ano (115,2 %), de acordo co plan de estabilidade remitido a Bruxelas a finais de abril do 2022. Ante isto, o executivo ten a intención de propoñer un progresivo descenso do déficit ao longo dos catro exercicios ata que o cociente débeda/PIB se sitúe na meta do 109,7 % en 2025.
Pero cales son os motivos para que a débeda siga aumentando? Durante este último ano foi preocupante a escalada da débeda da Seguridade Social, ainda que tamén aumentou na administración central e nas comunidades autónomas.
A pesar de aumentar o número de persoas afiliadas, a débeda da Seguridade Social incrementouse nun 7 % no último trimestre do ano. Durante este ano 2022, a crise relacionada coa covid-19 que implicou prestacións de desemprego e liñas de apio a empresas e tamén o aumento da inflación, que requiriu a actualización de prestacións e pensións, son razóns importantes para entender o aumento da débeda da Seguridade Social.
Comparado con outros países da nosa contorna e no mundo, poderiamos dicir que España é un dos países máis endebedados de Europa, superado dentro das economías máis modernas por Grecia, Portugal e Italia, pero lonxe doutros países moito máis endebedados coma Xapón e os EUA.
O alto endebedamento entraña perigos porque non deixa de aumentar a hipoteca a futuro do propio Estado. O primeiro deles é a vulnerabilidade que nos fai depender das decisións que poida ir adoptando o Banco Central Europeo sobre o prezo do diñeiro; o segundo é a contención do déficit público, e o terceiro, e non menos significativo, a ameaza que empeza a situarse sobre España por parte de axencias de cualificación para rebaixar o rating da nosa credibilidade.
Agora ben, en anos electorais, tamén sabemos que a débeda pública tende a aumentar un chisco… Así que, a ver se somos cautelosos e comenzamos a pensar que o que se debe, tarde ou cedo, hai que pagalo