A defensa tamén é un sector estratéxico, por Venancio Salcines
OPINIÓN
A defensa tamén é un sector estratéxico, por Venancio Salcines
Pódese afirmar que a guerra de Ucraína mudou o pensamento de Europa. A totalidade dos países da Unión déronse conta das moitísimas debilidades que temos, que se poden definir nunha palabra: dependencia. Nos temas centrais para o noso modo de vida somos dependentes doutras nacións, que agora son amigas, pero que mañá pode que non o sexan.
Rusia, e o seu gas, foi o máis evidente. A desconexión de Europa Central da enerxía de Moscova pagámola todos, e fixémolo cando asumimos prezos altísimos pola enerxía, o que provocou un brote inflacionista que, despois de dous anos, seguimos sentindo nas nosas economías. Esas tensións e a dificultade para poder manexar esa dependencia mostráronnos a necesidade de definir o que é estratéxico para nós, e empezamos a definilo; a minería ou as enerxías renovables son un bo exemplo de iso. Temos que ter independencia enerxética e os minerais necesarios para a transformación ecolóxica, de nada sirve facer eólicos se non temos cobre para o cableado.
O que tampouco serve é ter exército se non tes armas para alimentalo. A falta de municións do exército ucraíno nestes días é o maior exemplo. Esta idea está totalmente interiorizada nas mentes dos nosos gobernantes, aínda que quizais non sexa a máis comentada. Poucas forzas políticas entenden que incrementar o gasto en defensa é unha arma electoral. Faise e coméntase máis ben pouco. E aquí o certo é que Europa xa está en niveis similares aos dos peores anos da guerra fría, dedicamos en 2022 a nada depreciable cifra de 326.000 millóns de euros, máis ou menos o 1,5 % do PIB da Unión.
Pero unha cousa é gastar e outra producir, e agora a estratexia pasa por promover unha industria armamentística en Europa. Alemaña, sempre oposta a xogar un papel relevante no sector da defensa, está agora convencida de que nace un novo sector e debe estar aí, o que supón ocupar espazos ata agora defendidos por outros. Quen? París.
Pero do que se falou esta semana no Ecofin, non foi deste duelo de xigantes senón de algo máis sinxelo, de financiamento, e como sempre abordamos o tema central, financiamos entre todos a nova industria armamentística ou cada quen que aguante a súa candea. O debate parece que non está pechado, o que si parece que está resolto é que o banco de Europa, o chamado Banco Europeo de Investimentos, presidido pola galega Nadia Calviño, vai ter que asumir un novo papel estratéxico, financiar a industria da defensa. Un tema que non é menor, porque é primeira vez que Europa coloca este sector como prioritario nas súas liñas de vertebración económica. Que papel xogará España, sempre tan oposta ao gasto en armamento? Non se sabe. Pero isto non vai de ter máis armas, que tamén, vai de que teñamos empresas que as fabriquen. E se imos con calma, outros ocuparán espazos, pechándonos a entrada.