Publicador de contidos
Publicador de contidos

Elisa Mouliaá denuncia a Errejón: "Só si é si. Parece mentira que me pase isto contigo"

Elisa Mouliaá denuncia a Errejón: "Só si é si. Parece mentira que me pase isto contigo"

A policía envía ao xulgado a denuncia da actriz contra o expolítico por acoso sexual

Relata á policía que o exdeputado lle fixo tocamentos e que a bicou sen consentimento

Yolanda Díaz sobre Errejón: "Toca escoitar as mulleres que denuncian e acompañalas"

Íñigo Errejón (Fernando Sánchez - Europa Press)
G24.gal 25/10/2024 11:04 Última actualización 25/10/2024 20:31

A denuncia presentada por Elisa Mouliaá ante a Policía relata que o ata onte deputado e portavoz de Sumar, Íñigo Errejón, agrediuna sexualmente polo menos en tres ocasiones na mesma noite de setembro de 2021 antes, durante e despois dunha festa á que acudiron en casa duns amigos dela.

A denuncia, presentada ante a Unidade de Atención á Familia e Muller (UFAM) da Policía e á que tivo acceso EFE, detalla tres agresións sexuais -aínda que no momento no que ocorreron os feitos aínda estaban tipificadas como abuso- consistentes en tocamentos e bicos non consentidos, ademais de comentarios de índole sexual.

A Policía enviou a denuncia da actriz contra o expolítico aos xulgados de Praza de Castilla de Madrid.

A denuncia foi remitida pola Brigada de Policía Xudicial e recaeu no Xulgado de Instrución número 47 de Madrid por repartición ordinaria, informan fontes xurídicas.

Os feitos denunciados ocorreron nun ascensor de camiño á casa, nun cuarto da festa que o entón deputado pechou con pasador e, por último, no domicilio de Errejón, onde a muller tivo que dicirlle: "Só si é si. Parece mentira que me estea pasando isto contigo".

Mouilaá, quen presentou a denuncia na comisaría tras anunciar en redes sociais que sufrira acoso por parte de Errejón, anexou unha captura de pantalla dunha conversa mantida cunha amiga días despois de que se produciran os feitos na que relataba o ocorrido.

A denuncia expón que a vítima e o presunto agresor levaban aproximadamente un ano falando a través de Instagram e Telegram ata que Errejón a convidou, a finais de setembro de 2021, a asistir á presentación do seu libro nun establecemento da rúa Alonso Cano de Madrid.

Ao termo dese evento, o deputado propúxolle tomar unha cervexa nun local da zona de Ópera, onde mantivo unha actitude "correcta", "seria" e "fría". A moza convidouno a ir a unha festa na casa duns amigos e, unha vez no interior do coche no que se desprazaron cara á mesma, produciuse un cambio no comportamento de Errejón, quen adoptou unha actitude "dominante".

Mouliaá expuxo que Errejón lle impuxo tres regras: que non se afastase moito del, que se o facía non se distanciase máis de 20 metros e volvese antes dun minuto e que esa noite lle dese un bico.

A denunciante asegura que ao chegar ao edificio, dentro do ascensor, Errejón cometeu a primeira agresión, ao agarrala pola cintura e bicala sen o seu consentimento de forma violenta e deixándoa sen respiración.

Unha vez dentro da festa, a muller comezou a bailar cun amigo, o cal debeu provocar un ataque de celos no seu acompañante, quen "a agarrou fortemente do brazo e levouna pola forza uns seis metros", ata introducila nun cuarto e pechar o pasador.

Segundo a denuncia, nese cuarto produciuse a segunda agresión, consistente en bicos e tocamentos non consentidos, ademais de xestos e comentarios de carácter sexual. Muoliaá "sentiuse paralizada e non consentiu nada do que sucedeu", e finalmente díxolle que quería volver á festa.

El díxolle que sairía coa condición de ir á súa casa en vinte minutos, ao que ela accedeu, "xa que a súa intención era que todo o que estaba a suceder acabase canto antes". O ocorrido no cuarto puido durar menos de vinte minutos, precisa a denuncia.

De camiño á casa de Errejón, Mouilaá recibiu unha chamada dos seus pais na que a informaban de que a súa filla, dun ano de idade, tiña 40 de febre, o que "preocupou moito" a denunciante, pero non o seu acompañante, que mantivo unha actitude "fría e impasible".

Na vivenda, sen mediar palabra, produciuse a terceira agresión, consistente en tocamentos e bicos non consentidos, ante o que a muller lle comentou que se estaba sentindo "moi incómoda" e que estaba preocupada pola súa filla.

Ao final díxolle: "Íñigo, só si é si. Parece mentira que me estea pasando isto contigo". Tamén lle preguntou se non sabía o que era "a sedución, os tempos e a escoita", ante o que el lle respondeu dando as grazas e "dicíndolle que iso lle ía servir para futuros encontros", o que lle produciu "sorpresa, repulsión e decepción". 

Denuncia na comisaría

A actriz denunciou na comisaría o político despois de acusalo de acoso sexual nunha mensaxe na rede social X, informou esta madrugada La Sexta. 

A denuncia presentouse ante a Unidade de Atención á Familia e Muller (UFAM) da Policía Nacional, segundo a noticia difundida pola canle de televisión e recollida por EFE.

Este xoves pola noite, en declaracións publicadas pola web de RTVE, a actriz asegurou sobre a súa denuncia contra Iñigo Errejón que foi por acoso sexual e que hai probas e testemuñas.

A actriz contou que para ela dar o seu nome era fundamental tanto para demostrar que non se trata só de "denuncias anónimas e, polo tanto, falsas", como para tentar "esclarecer" os feitos e apoiar o resto de mulleres.

"Que se vexa que máis mulleres fomos acosadas", insistiu, segundo RTVE.es.

A xornalista Cristina Fallarás publicou recentemente no seu perfil de Instagram un testemuño anónimo en que se falaba dun deputado (cuxo nomee non se citaba) ao que se definía como "un maltratador psicolóxico"; diferentes usuarios relacionaron ese testemuño co nome do xa exdirixente de Sumar e comezaron a compartir outros relatos.

A esas denuncias anónimas sumouse a de Mouliaá nunha mensaxe en X: "Ola, eu son vítima de acoso sexual por parte de Iñigo Errejón e quero denuncialo". E despois foi á comisaría denuncialo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade