Elisa Mouliaá mantén que todo o que contou de Errejón é o que ocorreu con pelos e sinais
Elisa Mouliaá mantén que todo o que contou de Errejón é o que ocorreu con pelos e sinais
A actriz responde ao recurso presentado por Errejón, que a acusa de poñer unha denuncia falsa
O exdeputado pide que se reabra a causa para poder declarar o antes posible
Íñigo Errejón asegura que a denuncia da actriz Elisa Mouliaá é falsa. Fíxoo no recurso que presentou a súa defensa no xulgado onde pediu reabrir a causa para poder declarar o antes posible. Hai catro anos o propio Errejón aseguraba nas súas redes sociais que "non había denuncias falsas, senón unha dereita fanática que criminalizaba as mulleres". Hai menos dun mes, el mesmo no seu comunicado de dimisión, recoñecía que chegara ao "límite da contradición entre o personaxe e a persoa".
A representación do exdeputado considera que hai mala fe ao intentar atrasar a tramitación do procedemento polo embarazo da avogada de Mouliaá. O maxistrado decidiu arquivar a causa ata que a letrada regrese da súa baixa médica. A defensa de Errejón pide que a actriz nomee un novo avogado, porque o desexo de Errejón é declarar para ofrecer explicacións e expoñer a realidade dos feitos, que segundo o escrito distan dos descritos na denuncia.
Elisa Mouliaá insistiu nunha televisión privada que a súa denuncia non é falsa e que o que contou é o que sucedeu punto por punto. Tamén aclarou que non hai mala fe e que a súa avogada está de baixa nunha situación complexa.