Publicador de contidos
Publicador de contidos

Outras tres dimisóns no Goberno británico elevan a presión sobre Boris Johnson

Outras tres dimisóns no Goberno británico elevan a presión sobre Boris Johnson

As renuncias dos secretarios de Estado da Infancia e do Tesouro e a da axudante parlamentaria no Ministerio de Transporte súmase ás dimisión onte dos reponsables de Economía e Sanidade

Tamén se producen dimisións no Partido Conservador

G24.gal 06/07/2022 10:29 Última actualización 06/07/2022 13:05

Outros tres membros do Goberno do conservador Boris Johnson —dous secretarios de Estado e unha axudante no Ministerio de Transporte— presentaron este mércores as súas dimisións, despois das sorprendentes renuncias de Rishi Sunak como titular de Economía e de Sajid Javid como responsable de Sanidade.

Os secretarios de Estado do Tesouro e da Infancia, os deputados John Glen e Will Quince respectivamente, e a axudante parlamentaria no ministerio de Transporte, a deputada Laura Trott, anunciaron hoxe as súas renuncias tras os escándalos que salpicaron a Johnson.

Na súa carta de dimisión ao primeiro ministro, Quince sinalou que se apartaba do Executivo con "gran tristeza" despois de que Johnson recoñecese, tras negalo nun principio, que si sabía que o deputado Chris Pincher, exresponsable da disciplina do grupo parlamentario conservador, fora investigado no pasado por comportamentos desapropiados cara a homes.

Glen, pola súa banda, indicou que se apartaba do Executivo pola "falta de criterio" cando no seu día designou a Pincher como responsable da disciplina do grupo parlamentario, polo que lle resultaba "imposible" continuar como secretario de Estado.

Así mesmo, Trott sinalou na súa conta de Facebook que a confianza na política é de "grande importancia", pero nos últimos meses esa confianza "perdeuse".

Ademais de Sunak e Javid, que eran considerados pezas chave no Executivo británico, onte dimitiron outros deputados que ocupaban cargos de menor responsabilidade, entre eles Bim Afolami, que cesou como vicepresidente do partido, e Andrew Murrison, que se apartou como enviado comercial ante Marrocos.

Así mesmo, presentaron onte a dimisión dous secretarios privados no Partido Conservador, Jonathan Gullis e Saqib Bhatti.

O primeiro ministro conservador está hoxe sumido na súa crise máis profunda desde que gañou as eleccións xerais de 2019. Johnson sométese á sesión semanal de control na Cámara dos Comúns e tamén comparecerá ante a comisión de enlace (que agrupa os presidentes de todas as comisións parlamentarias).

O líder conservador superou recentemente unha moción de censura interna do seu partido, pero a votación evidenciou o descontento do 41 % dos parlamentarios tories coa súa xestión e coa serie de escándalos que o afectaron. Entre eles, o das festas na residencia oficial de Downing Street durante a pandemia ou tratar de ocultar que sabía os antecedentes do deputado Chris Pincher.

De acordo cos medios, os "rebeldes" conservadores contrarios a Johnson queren modificar as regras do influente Comité 1922, que agrupa os deputados do partido sen carteira, para poder convocar unha segunda moción de censura contra o premierEn virtude das actuais regras dese comité, Johnson non pode afrontar en 12 meses outra moción de censura. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade