Publicador de contidos
Publicador de contidos

A DINA anega Málaga e provoca xa máis de 4.200 desaloxos

A DINA anega Málaga e provoca xa máis de 4.200 desaloxos

Suspendida a liña de alta velocidade Madrid-Málaga e cancelacións de voos no aeroporto

As inundacións provocan o peche de centros sanitarios, das estacións de metro e de centros comerciais en Málaga

Casas anegadas en Benamargosa polo rebordamento do río, case 1.000 desaloxados en dous cámpings de Vélez-Málaga e unha gasolineira destrozada en Mijas por un tornado

En Cataluña, a DINA obriga a suspender as clases nas zonas de Tarragona en alerta vermella e provoca retencións quilométricas na AP-7

G24.gal 13/11/2024 15:48

O sistema de Emerxencias 112 Andalucía atendeu este mércores case 1.000 incidencias polas choivas no conxunto da comunidade, a maioría delas, 760, na provincia de Málaga, segundo informou o conselleiro da Presidencia, Interior, Diálogo Social e Simplificación Administrativa, Antonio Sanz. Os desaloxados en prevención ascenden a 4.210 na provincia malagueña.

O goberno andaluz anunciou a suspensión da actividade lectiva este xoves en todos os centros educativos da provincia de Málaga, así como nalgúns centros de Granada, Sevilla, Cádiz e Huelva.

O paso da DINA por Málaga, que na súa maior parte estaba en aviso vermello por forte choiva este mércores, obrigou a novos desaloxos preventivos en Campanillas ante o posible desbordamento do río, que se suman aos de 3.000 persoas na ribeira do Guadalhorce, e asolagou o centro da cidade.

Na capital malagueña recolléronse ata media tarde deste mércores 140 litros por metro cadrado, unha descarga de auga que non se coñecía desde hai 35 anos.

A Aemet ampliou esa alerta vermella ata as oito da mañá deste xoves, e decretou o nivel laranxa para as provincias de Cádiz, Granada, Huelva e Sevilla.

En Málaga, co fin de minimizar riscos, desaloxáronse as vivendas máis próximas ao río na barriada de Campanillas, ademais de 15 persoas de sete vivendas polo derrube dun muro en Benalmádena.

Pecháronse parques, recintos deportivos, museos e suspendéronse clases desde Infantil á Universidade.

As choivas asolagaron o centro da capital, zona na que se executan as obras do metro, con graves afectacións ao tráfico, o que motivou a suspensión do servizo de todas as liñas da empresa municipal de autobuses.

Adif decidiu desaloxar a estación María Zambrano e Renfe suspendeu o servizo de alta velocidade na liña Málaga-Madrid, entre Antequera e a capital malagueña. Tamén suprimiu o servizo ferroviario de Media Distancia entre Málaga e Sevilla e os Avant Málaga-Córdoba.

A compañía ferroviaria suspendeu o servizo de trens de viaxeiros nas dúas liñas do Cercanías de Málaga que unen a capital con Fuengirola e Álora, respectivamente.

Pola súa banda, Iryo, que tamén opera na rede de alta velocidade entre Madrid e Málaga, suspendeu sete trens, o que afectou a 1.229 pasaxeiros.

No aeroporto de Málaga, que tiña programados este mércores 296 voos, canceláronse ata as seis da tarde 15, e desviáronse outros 5 a Sevilla.

A auga anegou estacións de metro na capital malagueña, e obrigou ao seu peche.

 

Ante o aviso vermello por fortes choivas na maior parte da provincia, moitos comercios estiveron pechados e grandes empresas optaron por non abrir ao público os seus centros na provincia de Málaga como Carrefour, á que despois se sumou tamén El Corte Inglés en Málaga, con locais asolagados.

 

Tamén entrou auga nos laboratorios do Hospital Virxe da Vitoria e no Hospital Clínico, que activou o plan de emerxencias por inundacións. Todos os centros sanitarios adscritos ao distrito sanitario Málaga-Guadalhorce pecharon as súas portas e só permaneceron abertos os puntos de urxencias.

 As fortes choivas deste mércores ocasionaron á primeira hora da tarde o desbordamento do río Benamargosa ao seu paso pola localidade malagueña do mesmo nome, onde a auga comezou a entrar nalgunhas vivendas.

O alcalde deste municipio duns 1.600 habitantes, Salvador Arcas, explicou a EFE que se recomendou á poboación que non estea na rúa, e contactou co Consorcio Provincial de Bombeiros para requirir axuda.

900 persoas desaloxadas en dous cámpings e outras 100 nun núcleo chabolista en Vélez-Málaga

O río Vélez desbordouse na súa desembocadura no núcleo poboacional de Torre do Mar, na localidade de Vélez-Málaga, obrigando ao desaloxo preventivo dunhas mil persoas.

O desaloxo preventivo realizouse en dous cámpings, en ambas as marxes do río Vélez, onde había 600 e 300 persoas respectivamente. Ademais evacuáronse unhas 100 persoas do poboado chabolista coñecido como As Casas. O Concello de Vélez-Málaga habilitou dous albergues para atender a estas persoas desaloxadas.

Pavillón habilitado para albergar os desaloxados en Vélez- Málaga Pavillón habilitado para albergar os desaloxados en Vélez- Málaga

Os chuvieiros deixaron máis de 120 litros en puntos do Valle do Guadalhorce como a localidade de Coín.

Un tornado levouse por diante a terraza e o lavadoiro dunha gasolineira na Cala de Mijas (Málaga) e causou danos nos tellados de varias vivendas da área residencial da Nora, segundo indicaron a EFE fontes dos Bombeiros da localidade.

Nos momentos previos ao paso do tornado vivíronse situacións de angustia entre o persoal e os clientes, aínda que finalmente "non hai que lamentar vítimas".

Suspensión de clases en Tarragona e colas kilométricas na AP-7

A chegada da DINA a Cataluña, que mantén en alerta vermella ás comarcas do sur de Tarragona, provocou colas quilométricas na AP-7 polas restricións de mobilidade e a suspensión de clases escolares para 130.000 alumnos, aínda que ao longo do día non se rexistrou ningunha incidencia destacable polas choivas.

As principais afectacións pola DINA foron nas comunicacións, tanto viarias como no servizo de Rodalies e de Renfe, con varias liñas paralizadas.

As restricións de mobilidade decretadas pola Generalitat, que afectaron a cinco comarcas tarraconenses -Tarragonés, Montsià, Baixo Ebro, Baixo Campo e A Ribeira de Ebro-, e que están vixentes entre as 06:00 horas deste mércores e ata a medianoite, provocaron colas de ata 14 quilómetros na AP-7.

En alerta ata o vindeiro venres

A Dirección Xeral de Protección Civil e Emerxencias informou de que manterá a alerta por choivas moi fortes a torrenciais nos litorais mediterráneos e de Andalucía occidental ata o venres día 15 de novembro, de acordo coas predicións da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET).

Este xoves, a DINA transicionaría cara a unha borrasca fría illada. Este día, a inestabilidade aumentaría en Andalucía occidental. De feito, as precipitacións máis intensas espéranse durante a primeira metade do día en Málaga e no litoral de Valencia. Nesta última zona, poderíanse superar os 150 l/m2 en poucas horas.

Por outra banda, os litorais de Andalucía occidental e contorna do Estreito poderían recibir acumulados que poderían roldar os 80-100 l/m2 ao longo da xornada. Asimesmo, o prognóstico recolle precipitacións noutras zonas da área mediterránea e do centro e cadrante suroeste peninsular, pero de menor intensidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade