A dirección do PNV estudará o luns a posible substitución de Iñigo Urkullu
A dirección do PNV estudará o luns a posible substitución de Iñigo Urkullu
A decisión de que o actual lehendakari non repita como candidato tomouse onte nunha reunión de Andoni Ortuzar cos presidentes territoriais segundo a televisión pública vasca
A executiva do PNV, o Euskadi Buru Batzar (EBB), abordará o próximo luns, 27 de novembro, a candidatura para lehendakari, coa posible substitución de Iñigo Urkullu.
O EBB sinalou nun comunicado que "non entrará a valorar informacións xornalísticas", en resposta á noticia publicada polo Correo, que di que a executiva do PNV informou xa a Iñigo Urkullu que non lle propoñerá repetir como candidato a lehendakari. Segundo a televisión pública vasca Euskal Telebista, a decisión de relevar a Urkullu tomouse onte nunha reunión do presidente do EBB, Andoni Ortuzar, cos presidentes territoriais do partido.
"O Euskadi Buru Batzar non deu inicio aínda ao proceso para a configuración das candidaturas con que o PNV concorrerá ás próximas eleccións vascas" da próxima primavera, aclarou na súa nota a dirección do partido. Ese proceso abrirase precisamente na reunión do EBB do próximo luns.
O EBB non designa os candidatos do PNV, pero si fai unha proposta ás organizacións locais para iniciar o proceso electoral interno. Ademais na primeira volta electoral desa elección, as organizacións municipais tamén poden propoñer outros candidatos distintos aos presentados pola dirección do partido.
Iñigo Urkullu (Alonsotegi, Bizkaia, 1961) é lehendakari desde 2012. Nesa primeira lexislatura gobernou en minoría en solitario e nas dous seguintes (2016-2020 e 2020-2024) en coalición cos socialistas vascos.