O Goberno reúnese cos grupos parlamentarios para consensuar o plan de rexeneración democrática
O Goberno reúnese cos grupos parlamentarios para consensuar o plan de rexeneración democrática
Os ministros Bolaños e Urtasun destacan a "sintonía" nos encontros con BNG, Podemos, EH-Bildu e PNV
En Podemos din estar "decepcionados" tras constatar que o PSOE "non vai romper" o acordo co PP para a renovación do Poder Xudicial
O BNG tamén criticou que os socialistas ratifiquen que van manter ese pacto cos populares
O Goberno de coalición inicia a negociación do plan de rexeneración democrática. Esta tarde reuniuse cos grupos parlamentarios do PNV, Bildu, BNG e Podemos.
Na formación morada decláranse enormemente decepcionados tras constatar que o PSOE non pensa romper o acordo co PP sobre a renovación do Poder Xudicial. Tampouco percibiu sintonía o BNG neste asunto. No que si que houbo receptividade foi, dixo Néstor Rego, noutras das propostas do BNG. O PNV amosouse aberto a apoiar as medidas e en Bildu viron aproximacións co Goberno.
Tanto Urtasun como Bolaños, representantes do Goberno de coalición, cualificaron como satisfactorios estes encontros.
"Foron reunións moi cordiais, moi construtivas. Os catro grupos viñeron e amosaron a súa dispoñibilidade para traballar conxuntamente co Goberno", destacou Félix Bolaños, ministro de Presidencia e Relacións coas Cortes.
"A vontade do Goberno non é construír un plan de acción pola democracia dun partido ou dun Goberno. Queremos que sexa realmente un acordo de país, por iso é moi importante facelo en consonancia co conxunto de forzas parlamentarias", afirmou Ernest Urtasun, ministro de Cultura.