A dislexia afecta o 10 % dos nenos en idade escolar
A asociación Acodis constituíuse para asesorar as familias e crear unha rede apoio na Coruña
A dislexia ten unha prevalencia alta: afecta ao redor do dez por cento dos nenos en idade escolar. As familias coidan que non reciben as axudas necesarias e, en moitas ocasións, séntense perdidas e desbordadas cando reciben o diagnóstico. Na Coruña está dando os primeiros pasos unha asociación que quere guialas e acompañalas e tamén contribuír a unha mellor comprensión deste e doutros trastornos da aprendizaxe.
Tamara López Chouzas é a secretaria de Acodis. Detectou que algo fallaba cando a súa filla comezou a educación primaria.
"Ela no sabía enlazar as palabras, no sabía como soaban e pensamos que algo pasaba. Ao principio non conseguiamos poñernos de acordo nin nós. Pensamos que podía ser cuestión de tempo, inmadurez", explica.
As avaliacións concluíron nun diagnóstico de dislexia que lles permitiu ofrecerlle á nena a axuda que precisaba para avanzar na aprendizaxe. A experiencia de Tamara, que viviu en primeira persoa a sensación de soidade ante a incomprensión e falta de información e de recursos que comparten moitas familias, é o alicerce da asociación Acodis.
"A dislexia é unha dificultade de aprendizaxe moi coñecida pero moi pouca apoiada. Por iso nace Acodis, para darlles respostas ás familias que as necesitan", conta Emma Fernández, logopeda e presidenta da asociación.
"Aquí estamos para axudalos, acompañalos e asesoralos. Estamos para darlles a ferramentas para que os seus fillos loiten polas súas metas", engade Tamara.
A asociación realiza avaliacións logopédicas e psicolóxicas e actividades e talleres para os cativos e as familias. Quere colaborar cos centros educativos para axudar os docentes a detectar e a comprender as necesidades do alumnado con dislexia.
"Necesitan apoios visuais e explicacións orais. Se hai un exercicio por escrito deben intentar explicárllelo tamén de forma oral e poñelo no encerado, acompañalo de debuxos. E non dar por feito que saben contidos", concreta Emma.
O diagnóstico tardío aínda é frecuente nos casos de dislexia e noutros trastornos da aprendizaxe como a disgrafía, que afecta á escritura, e a discalculia, que dificulta ao cálculo aritmético. A evolución será máis positiva canto antes comece a intervención dos profesionais, principalmente logopedas e psicólogos.