A disposición xudicial os detidos pola brutal pelexa do Couto
A disposición xudicial os detidos pola brutal pelexa do Couto
O outro implicado está ingresado no hospital con feridas graves na cabeza
Un dos detidos levaba unha pistola, aparentemente falsa
Unha testemuña gravou a pelexa desde a ventá
Pasaba pouco das doce cando unha brutal pelexa rompía a serenidade da noite no barrio ourensán do Couto. Desde unha ventá, alguén gravou o vídeo en que se ven tres homes, dous enleados nunha violenta pelexa e un terceiro que aparentemente intentaba detelos.
"A xente que estivemos vendo, coa ventá pechada porque temos medo a represalias, porque hai xente que coñeces". "Dous contra un, no chan e a patadas con el. Iso non é normal", comentan dous veciños.
O vídeo dura dous minutos, nos que as tornas van cambiando. O presunto mediador acaba intervindo tamén no momento máis violento da escena. Nalgún intre, obsérvase que leva na man o que semella unha pistola. "Supostamente era de plástico, pero como fixo tanto dano na cabeza da vítima?", pregúntase unha veciña. "Agresivo, máis ca violento. Iso non se pode tolerar", di outro.
Dous detidos
Cando chegaron os axentes da Policía Local, atoparon un home no chan, con feridas sobre todo na cabeza. Trasladárono ao hospital. Trátase dun veciño de Ourense de 35 anos. Detiveron un dos implicados esa mesma noite, un ourensán de 32 anos. O outro colleuno a Policía Nacional o día seguinte, seguindo as indicacións dunha testemuña. É un home de nacionalidade romanesa de 25 anos. Os dous pasaron este mediodía a disposición xudicial. A arma que se ve no vídeo, supostamente falsa, aínda non apareceu.