Publicador de contidos
Publicador de contidos

A DXT e a Garda Civil activan dende este luns en Galicia un plan de vixilancia intensiva de luces e pneumáticos

A DXT e a Garda Civil activan dende este luns en Galicia un plan de vixilancia intensiva de luces e pneumáticos

Este plan, que se estenderá ata o 24 de outubro, coincide coa chegada da meteoroloxía adversa e desenvólvese en véspera do cambio de hora e a diminución de horas de luz

Con respecto aos pneumáticos, encargados de asegurar a adherencia no empuxe, na freada e no esvaramento lateral, é recomendable que a profundidade das fendas teña como mínimo 3 milímetros (o límite legal é de 1,6 milímetros)

G24.gal 21/10/2024 09:45

A Dirección Xeral de Tráfico e a Garda Civil de Tráfico activan desde este luns un plan de vixilancia intensiva de luces e pneumáticos de vehículos que circulan polas estradas de Galicia, para incidir no seu correcto mantemento. Este plan, que se estenderá ata o 24 de outubro, coincide coa chegada da meteoroloxía adversa e desenvólvese en véspera do cambio de hora e a diminución de horas de luz. 

Así, durante esta semana, os paneis de sinalización variable das estradas galegas advertirán os condutores de controis específicos. Segundo un estudo realizado por Tráfico, o risco de falecer ou resultar ferido grave multiplícase por dous ao comparar os accidentes ocorridos con vehículos de 10 a 15 anos de antigüidade, en relación con vehículos de menos de 5 anos. Tendo en conta esta relación entre risco e antigüidade do vehículo, o mantemento adecuado de todos os elementos de seguridade convértese nunha actividade imprescindible para combater a sinistralidade.

Con respecto aos pneumáticos, encargados de asegurar a adherencia no empuxe, na freada e no esvaramento lateral, é recomendable que a profundidade das fendas teña como mínimo 3 milímetros (o límite legal é de 1,6 milímetros).

Segundo sinalaron DXT e Garda Civil, en torno ao 5 % dos vehículos circulan con defectos graves nas rodas. Tamén é necesario comprobar regularmente a presión do pneumático en frío e a roda de reposto, así como revisar posibles fugas de aire polas válvulas. O tapón da mesma constitúe un elemento de estanquidade, polo que o seu uso é imprescindible.

En canto ás luces, para que a condución  se realice en condicións de seguridade, aconséllase prestar unha especial atención á utilización, mantemento e regulación dos faros, para conseguir, por unha banda, dispoñer de luz suficiente e, por outro, non cegar a quen circula polas mesmas vías públicas.

As autoridades tamén lembran que é obrigatorio utilizar a iluminación que regulamentariamente se estableza cando existan condicións meteorolóxicas ou ambientais que diminúan sensiblemente a visibilidade, como en caso de néboa, choiva intensa, nevada, nubes de fume ou de po ou calquera outra circunstancia análoga.

Especialmente nesta estación do ano, con menos horas de luz, a DXT recomenda que os vehículos leven as luces acesas, mesmo de día. Está demostrado que circular de día levando as luces curtas acesas reduce de forma drástica o risco de sufrir un accidente, aumenta a visibilidade dos vehículos e ademais, os peóns perciben antes ao vehículo que se lles achega.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade