A DXT incluirá no Rexistro de Vehículos datos das chamadas a revisión pendentes
A DXT incluirá no Rexistro de Vehículos datos das chamadas a revisión pendentes
Esta iniciativa pretende achegar unha maior transparencia e información de utilidade para os compradores de vehículos de ocasión
A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) incluirá no Rexistro de Vehículos os datos das campañas de "chamadas a revisión" de automóbiles matriculados en España levadas a cabo por fabricantes e importadores en caso de detectar anomalías que incidan na seguridade dos mesmos.
Segundo informa a DXT esta iniciativa pioneira en Europa traducirase nunha maior transparencia e información para os compradores dos tres millóns de vehículos de ocasión que se venden cada ano en España. Ademais indican que pode ter un impacto na seguridade viaria, ao minimizar o risco dun posible accidente.
Tráfico advirte de que esta información é crucial no momento previo de adquirir un vehículo polo que recomenda solicitar sempre un informe do mesmo e identificar estas circunstancias. As devanditas campañas de "chamadas a revisión" lévanas a cabo fabricantes, importadores e representantes de vehículos que en caso de detectar algunha anomalía de fábrica que incida na seguridade deben comunicar o defecto aos titulares dos mesmos para proceder á reparación gratuíta nos seus concesionarios oficiais.
Ata o de agora a comunicación ao titular do automóbil realizábase só por correo postal pero a habilitación por parte da DXT desta nova canle no Rexistro de Vehículos permitirá aumentar as vías de comunicación das chamadas a revisión pendentes aos afectados. No Rexistro de Vehículos da DXT consígnanse de forma electrónica todas as vicisitudes que se producen ao longo da vida útil dun automóbil, desde que se matricula ata que é retirado da circulación.
Agora calquera cidadán poderá coñecer nesta ligazón se o seu automóbil ten unha chamada a revisión pendente no momento de superar a inspección técnica de vehículos e cando solicite información sobre o estado do automóbil que pretende adquirir. Tamén se facilitará esta información na aplicación MiDGT e no servizo de consulta en liña na sede electrónica da DXT.
Unha vez que o titular do automóbil complete a reparación o fabricante facilitará esta información ao Rexistro de Vehículos, que a anotará e deixará de mostrar que o mesmo ten unha chamada a revisión pendente.
As chamadas a revisión máis habituais son as que afectan a airbag, sistema de asistencia de freado, software de control do motor, cintos de seguridade, bomba de combustible, batería e os seus elementos condutores, líquido refrixerante, freo de estacionamento e cableme.
En 2023 realizáronse 523 campañas de chamada a revisión que afectaron 1,2 millóns de vehículos. A DXT valora o alto grao de compromiso dos fabricantes con estas campañas debido a que a maioría delas rexistran unha porcentaxe de reparación por encima do 92 por cento.
A posta en marcha desta nova canle de comunicación foi posible graza á colaboración das asociacións de Fabricantes de Automóbiles e Camións (ANFAC) e de Empresas do Sector de Dúas Rodas (ANESDOR) e marcas de automoción que participaron nas probas piloto, destaca a DXT.