Tráfico inicia este luns unha campaña especial de vixilancia do transporte escolar en Galicia
Tráfico inicia este luns unha campaña especial de vixilancia do transporte escolar en Galicia
Galicia é a comunidade autónoma con maior número de roteiros escolares de España, con 3.800 liñas activas e 90.000 usuarios e usuarias diarios
Desde este luns e ata o día 22 deste mes de novembro, a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) inicia unha campaña especial de vixilancia do transporte escolar nas estradas de Galicia.
Durante estas xornadas, os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil e as policías locais que se sumen a esta iniciativa comprobarán que tanto autobuses como condutores cumpran coa normativa establecida na materia, que inclúe, entre outras obrigacións, a necesidade de que os menores vaian acompañados por unha persoa debidamente cualificada nos desprazamentos.
Trátase dunha campaña de especial transcendencia en Galicia, debido a que é a comunidade autónoma con maior número de rutas escolares de España, con 3.800 liñas activas e 90.000 usuarios e usuarias diarios.
Na campaña, equivalente á realizada no mes de xaneiro deste ano, controláronse 297 vehículos deste tipo e chegaron a formularse 216 denuncias a 139 autobuses.
O 90 % dos accidentes que se producen durante o transporte escolar teñen lugar no momento de subir ou baixar do vehículo, destaca a DXT.