A DXT prevé 1,3 millóns de desprazamentos nesta ponte de Semana Santa
A DXT prevé 1,3 millóns de desprazamentos nesta ponte de Semana Santa
Prevese tráfico intenso en Galicia nas seguintes vías: AP-9, A-6, A-8, A-52, A-55 e N-550
A DXT pon en marcha a segunda fase da operación de Semana Santa
A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) pon en marcha ás tres da tarde deste mércores a segunda fase da operación especial de Semana Santa en que ata as doce da noite do próximo luns, 1 de abril, prevé 9,6 millóns de desprazamentos polas estradas españolas. En Galicia, a cifra de desprazamentos previstos supera os 1,3 millóns.
Segundo informou a DXT, as maiores complicacións produciranse ás saídas das grandes cidades durante a tarde do mércores e a mañá do Xoves Santo, polo que deseñou itinerarios alternativos para paliar os problemas de circulación polo centro da península que é a zona de maior concentración de tráfico neste período. En Galicia, agárdase que se rexistre a maior intensidade de tráfico nas seguintes vías: AP-9, A-6, A-8, A-52, A-55 e N-550.
Atención especial nas viaxes curtas e nas vías secundarias
A DXT advirte que hai que prestar atención aos desprazamentos curtos e ás estradas secundarias, que estarán especialmente vixiadas e nas que se incrementarán os controis de alcol e drogas, así como de velocidade, entre outros factores.
Ás tres da tarde deste mércores arrincará esta segunda fase da operación, a máis importante en termos de volume, e prolongarase ata as doce da noite do próximo luns, ao ser esta xornada festiva en sete comunidades autónomas: Baleares, Cantabria, Cataluña, País Vasco, A Rioxa, Comunidade Valenciana e Navarra.
Desde o comezo da operación na súa primeira fase, ás tres da tarde do venres 22, ata as doce da noite do luns 25 faleceron 13 persoas nas estradas españolas.
Por iso, Tráfico insiste en chamar á prudencia ao volante con mensaxes como "cero alcol, conducir a unha velocidade adecuada, facer descansos cada dúas horas ou 200 quilómetros, ou poñerse o cinto" pois "aínda que son consellos coñecidos por todos aínda hai persoas que non os teñen en conta á hora de poñerse aos mandos dun vehículo".